O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamoulle finalmente a Audasa 120.000 euros polo Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) que quedou pendente de cobro entre os meses de agosto e decembro de 2023, cando rematou a exención “franquista”. Nun audio gravado e remitido aos medios de comunicación, o rexedor informou de que o Concello lle enviou este mércores á empresa a liquidación pendente deste imposto, explicando que, desde 1972, a compañía gozaba dunha exención do 95% do IBI que expirou a mediados de 2023.
Deste xeito, durante anos Audasa pagaba ao Concello de Vigo unha cota reducida de algo máis de 18.400 euros, mentres que agora terá que aboar o 100% do imposto cada ano, ata alcanzar os 383.000 euros anuais. Abel Caballero xa anunciara a comezos deste ano que lle reclamaría á concesionaria a cantidade correspondente aos últimos meses de 2023, período no que a empresa continuou aplicando a bonificación do 95% malia que esta xa deixara de estar vixente.
