O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a Xunta de Goberno Local deste venres aprobará unha modificación do contrato de construción da bancada de Gol do estadio de Balaídos para incorporar 721 asentos máis, ata superar os 7.130 asentos, cun investimento adicional de case 600.000 euros. Así o sinalou o rexedor nun audio remitido aos medios de comunicación, no que explicou que, con esta modificación, o investimento total na bancada superará os 25,4 millóns de euros. Segundo indicou, o proxecto adaptarase para dispoñer dun maior aforamento, o que obrigará a modificar determinadas especificacións da obra, entre elas un novo itinerario de evacuación que incluirá a construción dunha nova escaleira de emerxencia.
Por outra banda, Caballero informou noutro audio de que a Xunta de Goberno Local tamén adxudicará a contratación das obras de humanización do acceso á ermida da Guía, por un importe de 632.00 euros, co obxectivo de crear unha zona peonil con tráfico restrinxido. Para levar a cabo esta actuación, segundo explicou o alcalde, procederase á demolición da antiga pasarela peonil e da vella cafetaría, ademais da humanización duns 200 metros da rúa Dona Fermina.
