O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acusou o Goberno central de manter bloqueado o proxecto de construción da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, ao asegurar que, tras case dúas décadas de anuncios, aínda non se licitou a redacción do proxecto e considerar que, polas datas e as circunstancias políticas, o actual Executivo xa non dará ese paso.
Así o trasladou este mércores no Parlamento galego, en resposta a unha pregunta da deputada do PPdeG Patricia García, quen denunciou que Vigo acumula 19 anos de “promesas”, nove posibles emprazamentos e varios compromisos “incumpridos” sen que a cidade dispoña desta infraestrutura cultural. O conselleiro explicou que o Goberno galego non dispón de información adicional á publicada nos medios de comunicación e atribuíu a falta de avances á escasa transparencia e colaboración do Executivo estatal.
Segundo sinalou, o proxecto seguía paralizado porque o Concello de Vigo non formalizara a cesión da parcela da rúa Lalín, un trámite que, indicou, se completou hai unhas semanas. Unha vez realizada a cesión, apuntou, o seguinte paso correspóndelle ao Goberno central, que debe impulsar a licitación da redacción do proxecto construtivo. Porén, o titular de Cultura considerou que ese trámite xa non se producirá durante a actual lexislatura estatal e quedará pendente para o próximo Executivo.
Durante a súa intervención, defendeu que Vigo é a maior cidade española que carece dunha biblioteca estatal e cuestionou o compromiso do Goberno central coas infraestruturas culturais da cidade. Así mesmo, asegurou que a Xunta mantén o seu compromiso de asumir a xestión da futura biblioteca, unha vez se desenvolva o proxecto.
