InicioPolíticaO PSdeG denuncia a Rueda ante a Xunta Electoral pola visita ás...

O PSdeG denuncia a Rueda ante a Xunta Electoral pola visita ás obras de vivenda de Navia

Os socialistas acusan a Xunta de facer balance da súa xestión en período electoral e piden retirar a publicación da web institucional e valorar a apertura dun procedemento sancionador.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O PSdeG informou de que presentou este xoves unha denuncia perante a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola visita realizada o pasado 14 de outubro ás obras de dúas promocións de vivenda pública en San Paio de Navia, en Vigo, e pola comunicación que o Goberno galego difundiu ese mesmo día na súa páxina web. Os socialistas consideran que, oito días despois de publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria das eleccións xerais, a Xunta “utilizou un acto institucional e unha canle oficial para facer balance da súa xestión en materia de vivenda, algo que a lei electoral prohibe expresamente mentres dura o período electoral”. O escrito, asinado o 15 de outubro pola representante socialista na circunscrición de Pontevedra, fundaméntase no artigo 50.2 da Lei orgánica do réxime electoral xeral (Loreg).

Este precepto prohibe, desde a convocatoria e ata a celebración das eleccións, calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións a feitos ou logros obtidos. A denuncia sostén que o contido publicado pola Xunta vai máis alá de informar do estado duns traballos e constitúe “unha valoración favorable da xestión autonómica difundida a través dun soporte institucional”. Para os socialistas, a suma dunha visita presidencial e da súa difusión na web oficial “supón presentar como méritos da Administración autonómica pasos dados, compromisos cumpridos e proxectos cando o proceso electoral xa está en marcha”.

RETIRADA DO CONTIDO

Na denuncia, solicitan á Xunta Electoral que comprobe e deixe constancia do contido íntegro da publicación e da súa data, e que lle requira ao Goberno galego “información sobre a organización da visita e os medios públicos empregados, así como a identidade das persoas que elaboraron e autorizaron a comunicación”. Piden tamén que se declare a vulneración da normativa que prohibe os actos de inauguración de obras ou servizos públicos durante o período electoral e que se ordene o cesamento da difusión do contido mentres dure ese período. A petición incluiría a súa retirada ou desactivación temporal na web da Xunta e nas reproducións institucionais que se detecten, conservando unha copia para o expediente.

PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Os socialistas reclaman igualmente que se lles requira aos responsables que se absteñan de repetir actuacións institucionais desta natureza e que o órgano competente valore a apertura dun procedemento sancionador, unha vez identificadas as persoas responsables e sen anticipar a súa culpabilidade nin a posible sanción. A denuncia recolle tamén a posibilidade de que a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra remita o caso con urxencia á Xunta Electoral Central, se considera que esta é a competente pola condición da autoridade denunciada e polo alcance da difusión.

ÚLTIMAS

Petardos e ameazas cun pau contra a acampada pola vivenda de Vigo: “Actuarase sen titubeos”

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou este venres que, nas últimas...

Veciños de Lavadores esixen frear o plan de vivenda de Santa Cristina: “Non abandonar as súas vivendas de toda a vida”

Veciños do barrio vigués de Lavadores esixen á Xunta e ao Concello a “paralización...

Balaídos enfronta de novo a Xunta e Caballero polo camiño de Vigo ao Mundial de 2030

A Xunta de Galicia sinalou este xoves que é "difícil avanzar" nun acordo para...

Dous operarios feridos ao desprenderse parte do forxado dun edificio en obras en Vigo

Dous traballadores resultaron feridos leves na mañá deste xoves ao desprenderse parte do forxado...