O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu denunciar este martes a “situación calamitosa” da sanidade pública na cidade, e advertiu de que isto “ten que ter unha resposta”. Así o explicou en declaracións remitidas aos medios tras manter unha reunión con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública.
O rexedor vigués denunciou o “imparable aumento” das listas de espera, tanto para intervencións cirúrxicas como para consultas especializadas e para a realización de probas diagnósticas, con datos “peores” ca durante a pandemia da Covid. “E para xustificar esta xestión, a Xunta fala da folga de médicos e de todo, menos do que ten que facer. Non pon medios para atender a xente, leva o persoal a unha tensión e unha presión insoportables”, criticou.
Así mesmo, lembrou o peche de centros de saúde e de servizos de pediatría, para trasladar os pacientes ao novo CIS Olimpia Valencia, un centro novo que “xa está saturado”. Para o alcalde, a sanidade en Vigo vive “a situación máis calamitosa da historia“. “Isto ten que ter unha resposta, e haraa”, sentenciou.
