InicioMedio Ambiente e PatrimonioEcoloxistas e veciños de Matamá denuncian afeccións á saúde por contaminación das...

Ecoloxistas e veciños de Matamá denuncian afeccións á saúde por contaminación das naves de pintura de Stellantis

Veciñanza de Matamá e Ecoloxistas en Acción reclaman medidas á Xunta e aseguran que o 93% dos puntos analizados supera os valores máximos de dióxido de nitróxeno.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Representantes da Asociación Veciñal “A Unión” de Matamá, en Vigo, e de Ecoloxistas en Acción presentaron este martes no rexistro da Xunta un estudo sobre a contaminación atmosférica realizado nas inmediacións da planta de Stellantis. O informe conclúe que as emisións procedentes das naves de pintura e lacado exceden os límites establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e sostén que esa contaminación está a afectar a saúde da veciñanza.

En declaracións aos medios antes da entrega do documento, Xaquín Pastoriza, coordinador de Ecoloxistas en Acción-Rías Baixas, explicou que o estudo detectou, entre outras cuestións, “picos moi altos” de partículas en suspensión de diferentes tamaños, que nalgúns casos “superan con creces” as recomendacións da OMS. No caso do dióxido de nitróxeno, a mostraxe realizouse en 15 vivendas e, segundo indicou Pastoriza, “o 93% dos puntos detectados superan os valores máximos”.

O ecoloxista sinalou que estes resultados coinciden cos datos oficiais de Meteogalicia e engadiu que “os datos de maior concentración de dióxido de nitróxeno coinciden coa zona de difusión dos talleres de pintura e lacado de Stellantis”. A organización apunta tamén a outras evidencias, como as motas de pintura que aparecen nos vehículos estacionados nas inmediacións da factoría e as afeccións que, segundo denuncia, está a sufrir a poboación da zona.

O 44 % DOS ENQUISADOS DECLARA PROBLEMAS DE SAÚDE

Pastoriza explicou que, tras realizar unha enquisa a 177 veciños e veciñas, un 44% declarou problemas de saúde que relaciona coa calidade do aire, entre eles asma, picor de gorxa, cancro de pulmón, enfermidades cardíacas ou enfermidades pulmonares obstrutivas. Ademais, o 67% das persoas consultadas cualifica a calidade do aire que respira como “mala ou moi mala”.

Ante esta situación, Ecoloxistas en Acción esixiu ás administracións que adopten medidas e lembrou que unha multinacional como Stellantis dispón de recursos para cumprir a normativa en materia ambiental e de saúde pública. Entre as súas reclamacións figura tamén a realización dun estudo epidemiolóxico da poboación afectada. “Non se trata de pechar a fábrica nin moito menos, senón de cumprir a lei e respectar a saúde”, concluíu Pastoriza.

“QUEREMOS CONVIVIR CON STELLANTIS DE MANEIRA SOSTIBLE”

Pola súa banda, o presidente da asociación veciñal, Sergio Alonso, denunciou que o ambiente na contorna da factoría é “nauseabundo” e lembrou que a veciñanza leva “anos” alertando dunha situación que afectaría especialmente a unhas 30 vivendas. “A veciñanza está farta, queremos que isto se solucione dunha vez por todas”, proclamou.

Alonso insistiu en que as persoas afectadas non teñen “nada en contra” de Stellantis, pero consideran que “non se pode permitir isto en pleno século XXI”. “Queremos convivir con Stellantis de maneira sostible, non así”, precisou. O representante veciñal lembrou que esta situación xa foi trasladada ás administracións en numerosas ocasións, entre elas durante a presentación de alegacións á ampliación do polígono de Balaídos.

CRÍTICAS Á “INACCIÓN” DAS ADMINISTRACIÓNS

Un dos veciños que denuncia unha maior afección pola contaminación, José Manuel Pérez Arca, lembrou que as protestas comezaron a principios dos anos 2000. Segundo afirmou, “tanto a Xunta como o Concello e Zona Franca lle consinten todo á fábrica”, malia que, segundo sostén, a afección pode chegar máis alá da propia parroquia de Matamá dependendo das condicións atmosféricas e do vento. “Están a demostrar que a veciñanza non temos ningunha importancia para eles”, lamentou. Pérez Arca incidiu en que, ao seu xuízo, a factoría non está a adoptar as medidas necesarias para poñer fin a esas emisións contaminantes, malia contar cos recursos necesarios para facelo.

ÚLTIMAS

Vigo entra en alerta polo nivel de Eiras: Caballero esixe á Xunta reducir o caudal ecolóxico

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu advertir sobre o baixo nivel do encoro...

Vigo súmase ás acampadas pola vivenda cunha protesta “indefinida” na Alameda

Unha vintena de persoas sumáronse nas últimas horas en Vigo ás acampadas pola vivenda...

Concentración en homenaxe a Maricarmen e contra a “especulación” que “forzou a súa morte” en Vigo

A Alianza pola Vivenda de Vigo, plataforma integrada por varios colectivos sociais, convocou para...

A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación para a recuperación ambiental da praia de Ou Vao

A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados...