Un equipo do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil e un familiar localizaron a uns 100 metros da ponte de Rande o corpo sen vida do home desaparecido desde este luns na localidade pontevedresa de Redondela. Así o confirmaron fontes do Instituto Armado, que sinalaron que foi trasladado por efectivos do GEAS ao pantalán desde o que saíra o seu barco.
Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 19.30 horas deste martes, un amigo do desaparecido contactou con Emerxencias para informar de que non conseguía contactar con el desde o día anterior. Esta persoa desprazouse á vivenda do seu amigo, na zona da parroquia de Cedeira, e comprobou que o home non estaba e que tampouco estaba a embarcación tipo zódiac que habitualmente ten amarrada nun pantalán próximo.
Segundo relataba o alertador, o home adoita empregar esa lancha para acceder a un barco e a zódiac si estaba á beira do barco, pero non había rastro do seu propietario. Finalmente, o operativo de procura, no que partiparon tamén efectivos do helicóptero Pesca 1, localizou o corpo sen vida nas proximidades da ponte de Rande.
