O alcalde de Vigo, Abel Caballero, exixiulle á Xunta que reduza “de forma inminente” o caudal ecolóxico da presa de Eiras, que está na “peor situación” de volume de auga almacenada “da historia da cidade”, malia as recentes choivas.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor vigués advertiu de que hai “un serio problema” e volveu apelar ao “consumo responsable” nas vivendas e tamén nas industrias, que “xa están no mínimo posible”. Pero insistiu en que a Xunta ten que reducir o caudal ecolóxico do encoro porque “a ameaza de falta de auga neste momento é moi severa”.
“Temos que tomar decisións e eu sei que a cidade está a aforrar todo o que pode, agradézollo moitísimo, pero a Xunta ten que baixar o caudal ecolóxico de forma inminente. E se algo sucede, a responsabilidade será deles”, proclamou Caballero.
