A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, fixo este martes balance da lexislatura que vén de rematar, na que enumerou unha lista “demasiado longa” de “compromisos pendentes” do Goberno central coa cidade, coa “complicidade” do alcalde, Abel Caballero.
Citou distintas actuacións, como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal, a prolongación da A-52 como alternativa á A-55, a Biblioteca do Estado ou o impulso de Peinador, entre moitas outras. “Ese é o balance de Pedro Sánchez con Vigo: promesas, anuncios, prazos incumpridos e solucións que non chegan. O Goberno deixa unha lista demasiado longa de compromisos pendentes. Pedro Sánchez tivo tempo para cumprir con Vigo e non o fixo”, criticou, segundo recollen os ‘populares’ nun comunicado.
Tamén se referiu ao “papelón” do BNG na lexislatura, xa que os nacionalistas dixeron “si a todo a cambio de nada”. “Deronlle gratis o seu apoio a Sánchez porque o seu pacto de investidura non trouxo nin servizos de proximidade, nin axilización dos prazos da Saída Sur, nin melloras na rede ferroviaria galega nin nas estradas”, concluíu.
