A Unión Local da CIG de O Porriño esixiu que se reforce a prevención en materia de saúde e seguridade laboral no sector extractivo tras o accidente ocorrido a semana pasada nunha canteira de Atios. Nun comunicado, o sindicato trasladou a súa solidariedade aos catro traballadores feridos, un deles de gravidade, e avanzou que seguirá con atención tanto a súa evolución como o resultado da investigación para determinar as causas do suceso.
Así, a CIG considera necesario agardar polo resultado destas investigacións para coñecer as causas e as circunstancias en que se produciu o accidente, evitando valoracións ou apuntar responsabilidades de maneira anticipada. Non obstante, recordou que este tipo de actividade presenta riscos laborais de especial gravidade e unha elevada sinistralidade, polo que é “fundamental” manter e reforzar de forma permanente as medidas de prevención e seguridade.
“Este accidente debe servir para seguir avanzando na mellora das condicións de seguridade no sector e para que as administracións competentes reforcen a vixilancia e o control das condicións de traballo nas canteiras e nas explotacións mineiras”, engadiu o sindicato.
