A Asociación Cultural Évame Oroza inaugura o vindeiro venres, 2 de outubro, ás 20.00 horas, a exposición Unha viaxe a Brobdingnag, do fotógrafo Blas González, que poderá visitarse ata o 30 de outubro. A inauguración contará coa participación do poeta Samuel Merino, que acompañará o acto cunha intervención poética vinculada ao universo da exposición. A entrada será libre ata completar aforo.
O proxecto, iniciado a principios de 2023 como unha serie centrada na paisaxe urbana, foi medrando ao longo destes case tres anos ata reunir máis de 200 retratos de persoas vinculadas á creación e á cultura viguesa.
UNHA VIAXE POLA CULTURA E PAISAXE DE VIGO
O título do proxecto fai referencia á segunda viaxe de Gulliver á terra dos xigantes, narrada por Jonathan Swift. A partir desta imaxe, Blas González constrúe unha mirada sobre a cidade de Vigo e sobre a relación entre as persoas e a paisaxe urbana que as rodea.
O proxecto parte inicialmente da observación da verticalidade da cidade e das súas estruturas contemporáneas, poñendo o foco no contraste entre a escala humana e a dimensión da arquitectura e do espazo urbano.
A esta primeira aproximación fóronse incorporando os retratos de persoas vinculadas á creación artística e á cultura viguesa. As fotografías están realizadas sempre na rúa e en espazos da cidade escollidos polos propios protagonistas, como unha maneira de situar as persoas retratadas no seu propio territorio e reivindicar o espazo público como lugar de encontro e pertenza.
Para o autor, estas persoas e colectivos representan unha parte esencial da identidade cultural de Vigo, especialmente desde os espazos alternativos e independentes nos que desenvolven o seu traballo. A exposición incorpora así tamén unha mirada crítica sobre a evolución da cidade, a súa transformación urbana e o papel que ocupa a cultura neste proceso.
A mostra articúlase en dúas liñas complementarias: por unha banda, unha serie de paisaxes urbanas que exploran o contraste entre a escala humana e a das estruturas contemporáneas; pola outra, un amplo arquivo de retratos que pretende ofrecer unha pequena cartografía da diversidade cultural viguesa.
O AUTOR
Blas González desenvolve a súa práctica fotográfica no eido da fotografía documental e da narrativa contemporánea, explorando como a relación entre paisaxe e memoria contribúe á construción da identidade colectiva.
O seu proxecto Cadernos da Limia constitúe a base da súa investigación sobre a fotografía como ferramenta de introspección individual e comunitaria. Ao longo da súa traxectoria, iniciou e participou en proxectos colaborativos multidisciplinares nos que converxen a imaxe, a música, o teatro e a literatura.
Neste ámbito destaca tamén o seu labor como organizador dos Encuentros 5+1, unha plataforma dedicada ao diálogo e á reflexión sobre a fotografía de autor contemporánea.
