InicioPolíticaO goberno de Vigo di que actuou dentro da legalidade tras suspedr...

O goberno de Vigo di que actuou dentro da legalidade tras suspedr o contrato do bus

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo fixo público este martes un comunicado sobre a suspensión da licitación do novo contrato do autobús urbano, no que sinala que dita medida se adoptou “de acordo coa lei e nos seus termos”.

O comunicado, non obstante, apela á confidencialidade en materia de licitacións públicas e non concreta os motivos da suspensión, ao argumentar que o goberno local “respecta escrupulosamente a lei e os órganos competentes en materia de contratación, os dereitos corporativos, os deberes de confidencialidade e a transparencia”.

Así, insiste en que a área de contratación “segue taxativamente as normas recollidas na lei sobre a suspensión do procedemento de contratación, a publicación, a solicitude de información adicional aos licitadores e, por suposto, o deber de confidencialidade”. “O que sería preocupante e grave é o incumprimento da lei e a infracción dos principios anteriores”, engade.

Nese sentido, tamén sinala que os membros da corporación “están advertidos” de que existe información confidencial. De feito, na xunta de goberno do pasado 7 de agosto tratouse unha “incidencia nun procedemento de contratación” e a información omitiuse na acta publicada “por ser confidencial”.

En calquera caso, o goberno vigués non confirmou se, tal e como desvelou o PP, se solicitou un informe ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia por indicios de posibles prácticas colusorias na licitación do bus (un informe que tería chegado ao Concello o pasado 8 de setembro). Tampouco aludiu a unha suposta “complexidade” das propostas e á necesidade de pedir “aclaracións” aos licitadores, que foi a explicación trasladada este luns, despois de se coñecer a suspensión da licitación.

Finalmente, o goberno local advertiu de que “calquera actuación da oposición con información confidencial en licitacións públicas sobre supostos indicios de prácticas das empresas será responsabilidade de quen a revele”.

ÚLTIMAS

O condutor falecido tras unha pelexa con outro na A-55 en Mos morreu por un paro cardíaco

A autopsia practicada ao condutor de 52 anos falecido o pasado domingo tras unha...

O Concello de Vigo critica o “estado lamentable” da antiga estación de autobuses tras cederlla a Xunta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello aceptará a cesión da...

O BNG esixe explicacións urxentes pola suspensión do contrato do bus de Vigo e alerta de “inseguridade xurídica”

O grupo municipal do BNG anunciou este martes que solicitará a convocatoria dunha Xunta...

O TSXG tumba a suspensión da licenza do Centro de Asociacionismo de Vigo e a Xunta estuda reclamar os custos ao Concello

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado pola Xunta...