O Concello de Vigo publicou este luns na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio da suspensión da licitación do servizo de bus urbano, o maior contrato da súa historia, de preto de 470 millóns de euros. Fontes municipais sinalaron que a decisión se tomou porque “as propostas dos licitadores son complexas e cómpre unha aclaración pola súa parte”, sen entrar en máis detalles. De feito, o anuncio publicado na Plataforma de Contratación, asinado pola xefa da área de Contratación e Novos Proxectos, limítase a informar de que o procedemento está suspendido, pero non especifica ningún horizonte temporal.
En 2023 o Goberno local encargou un informe técnico sobre a demanda do transporte urbano para determinar as opcións de optimización do servizo. En abril de 2024 constituíuse un comité técnico para tramitar a finalización do contrato actual, que ostenta Vitrasa desde 1995 e que foi prorrogado por cinco anos en 2020 e, posteriormente, en 2025 por dous anos máis, e para desenvolver os traballos de cara á adxudicación dun novo contrato. En decembro de 2025 iniciouse a tramitación da nova licitación, coa emisión do informe xustificativo e a elaboración dos pregos. Así, soubose que o contrato ascende a uns 469 millóns de euros.
“QUE PRETENDEN TAPAR?”
A portavoz do grupo municipal do PP, Luisa Sánchez, esixiu a comparecencia “urxente” do concelleiro da área de Fomento, Javier Pardo, ante esta “repentina” suspensión do procedemento, e advertiu de que, ante unha decisión deste calado, o Goberno local debe actuar “coa máxima transparencia e con todas as explicacións que se teñan que dar”. Ao respecto, afeoulle ao Goberno local que despachase esa medida cun anuncio de tres liñas, pasando “de puntillas” pola cuestión, cando este luns se celebrou un pleno no que o alcalde ou o concelleiro poderían ter informado ao respecto.
“No PP sabemos, porque así aparece recollido no xestor de expedientes, que o servizo de contratación municipal abriu o pasado 4 de agosto, e por instancia dunha das empresas presentadas ao concurso, un procedemento pola posible existencia de indicios de prácticas colusorias”, advertiu Sánchez, que engadiu que, días despois, a empresa pediu un informe ao Instituto Galego de Consumo, que foi remitido ao Concello o pasado 8 de setembro.
A portavoz do PP denunciou que o Goberno local mantén “oculto” ese informe, o que impide coñecer “os motivos reais” que obrigaron a suspender esta licitación. “Un novo capítulo de escurantismo ao que, por desgraza, xa nos ten acostumados este Goberno de Caballero. Que é o que non queren que saibamos? Que irregularidades ou defectos de forma se están a tentar tapar?”, cuestionou, antes de volver esixir “luz e taquígrafos”, ante a que cualificou como “manifesta incapacidade” do Goberno local para sacar adiante os grandes contratos.
INSEGURIDADE XURÍDICA
Mentres, o grupo municipal do BNG trasladou a súa “enorme preocupación” por este anuncio feito “por sorpresa”, e tamén censurou que unha decisión desta magnitude se comunique mediante un escueto anuncio sen que se saiba nin quen adopta a decisión, nin cales son os motivos nin a fundamentación legal. “O único que engade é unha enorme inseguridade desde o punto de vista xurídico”, advertiu o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.
Ao respecto, remarcou que a suspensión se produce cando xa se aprobou o informe valorativo do sobre B e cando xa se coñecen as propostas económicas recollidas no sobre C. “Unha verdadeira chapuza”, constatou Pérez Igrexas, que engadiu que, a falta de ter máis información, parece que “non se axusta á normativa en materia de contratación pública” e que “coloca este procedemento mesmo en causa de nulidade”.
