As organizacións de produtores OPPC3, OPPF4 e OPNAPA, con frotas españolas de altura e gran altura e base en Vigo, solicitaron aos ministros de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, a activación urxente do Rexistro Especial para estas frotas, como primeira medida dun Plan de Acción destinado a frear a perda de buques e empresas baixo pavillón español.
Estas organizacións remitíronlles aos ministerios o informe “Evolución e perda de capacidade produtiva da frota española de altura e gran altura. Caladoiros non españois. Período 2010-2025”, que analiza as consecuencias da redución desta frota en termos de capacidade pesqueira, emprego, actividade empresarial, xeración de valor e actividade portuaria, industrial e de servizos.
O informe pon de manifesto que “a perda dun buque español supón moito máis ca desaparición dunha unidade de frota”, xa que tamén implica a perda de emprego directo e indirecto, compras e servizos, actividade portuaria e capacidade empresarial e industrial que permanece en España mesmo cando os buques operan en augas internacionais ou de terceiros países.
Ante a evolución de novas baixas durante 2026 por abandeiramento en terceiros países e despezamento, as organizacións advirten de que “xa non se trata de previr unha perda futura, senón de deter un proceso que xa está en marcha, agravado polo aumento do prezo do combustible e do resto dos custos operativos”.
Os produtores sinalaron que o Rexistro Especial “debe constituír unha ferramenta previa e fundamental para facer posible a futura renovación da frota pesqueira”, ao proporcionarlles ás empresas de altura e gran altura de bandeira española un marco adaptado ás súas características e capaz de mellorar a súa competitividade.
Segundo indicaron, o Rexistro “non se formula unicamente como unha medida para evitar novas saídas de buques, senón tamén como unha condición necesaria para conservar o tecido empresarial e crear as bases que permitan renovar a frota española no futuro”. As organizacións xa lle trasladaron a súa preocupación ao Goberno en agosto de 2024 e en xuño de 2025, “cando xa se advertía da perda de competitividade e da saída de buques e empresas do pavillón español”.
