Axentes da Policía Nacional de Vigo detiveron dous homes como presuntos autores dun delito de furto e doutro de extorsión, tras subtraeren un maletín con diñeiro e un teléfono e esixiren un “rescate” ao seu dono para devolvérllo.
Os feitos ocorreron a finais de agosto nun parque da cidade olívica, onde a vítima sufriu o furto ao descoido dun maletín. Posteriormente, os ladróns pedíronlle o pagamento de 20 euros para lle devolver as súas pertenzas, indicándolle que se desprazase a unha zona próxima, onde deixaran o maletín.
Unha vez recuperado, o prexudicado comprobou que no interior faltaban 1.500 euros en efectivo, varias tarxetas bancarias e un teléfono móbil, polo que presentou unha denuncia. A Policía Xudicial fíxose cargo da investigación e logrou identificar os dous presuntos autores do furto. Así, púxose en marcha un operativo para localizalos e finalmente foron detidos na madrugada do pasado 10 de setembro. Os detidos foron postos á disposición do xulgado, que ordenou o ingreso en prisión dun deles.
