InicioSociedadeA Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte...

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

O xulgado considera ilegal esixir unha autorización municipal previa e EMAFEGA pide agora suspender cautelarmente as bases de 2026, que considera “practicamente idénticas”, para evitar un terceiro ano consecutivo sen atraccións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola Asociación de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (EMAFEGA) e declarou contrarias a dereito varias cláusulas do decreto da Alcaldía do Porriño do 31 de xullo de 2025, que regulaba as bases para a instalación e o funcionamento das atraccións de feira durante as festas municipais do Cristo dese ano.

Os feirantes recorreran esas bases ao considerar que se lles estaba a esixir unha autorización municipal para instalar as atraccións e os postos que os concellos non poden requirir, así como unhas condicións restritivas respecto da franxa horaria “sen ruído”, fixada entre as 17.00 e as 20.00 horas, e do chamado “día do neno”, no que se aplicaban prezos reducidos nas atraccións. O xulgado determinou que a esixencia desa autorización municipal, recollida na resolución da Alcaldía, é contraria a dereito porque o Concello do Porriño “substituíu o réxime de declaración responsable por un réxime de autorización previa” municipal.

A este respecto, a resolución lembra que esta actividade se rexe pola Lei de espectáculos de Galicia e que a Xunta é a administración competente na materia. Por tanto, “non hai marxe” para que as entidades locais establezan as súas propias normas ao respecto. A sentenza expón así que “non hai razón que xustifique” que os feirantes precisasen dunha licenza municipal para exercer a súa actividade durante as festas do Cristo de 2025.

Con todo, o fallo matiza que os concellos si poden establecer condicións técnicas e de seguridade para este tipo de actividade, aínda que non mediante un decreto de Alcaldía, senón a través de ordenanzas ou regulamentos municipais. No referente ás reclamacións sobre o “día do neno” e a franxa horaria sen ruído, o xulgado validou o proceder do Concello do Porriño, aínda que matizou que a data do “día do neno” e os prezos reducidos deben ser pactados entre o Concello e os feirantes.

A asociación EMAFEGA trasladou a súa satisfacción por esta sentenza, que xa é firme, e advertiu de que o Concello “substituíu ilegalmente a declaración responsable por unha autorización previa”. Nas festas de 2025, todas as solicitudes presentadas polos feirantes, arredor dunha vintena, foron rexeitadas. Para EMAFEGA, este pronunciamento confirma o que a asociación viña denunciando desde hai dous anos: que “un concello pode inspeccionar, controlar e esixir o cumprimento da normativa, pero non pode inventar un réxime xurídico propio nin engadir outras esixencias á marxe das xa existentes na lexislación xeral vixente”.

PIDEN A SUSPENSIÓN CAUTELAR DAS BASES DO 2026

EMAFEGA lembrou que estas “irregularidades” xa foran advertidas antes de que comezasen as festas de 2025, pero que o Concello rexeitou as súas alegacións e mantivo as bases. “Advertíuselle ao Concello. Pediuse que rectificase. Negouse. As atraccións quedaron fóra das festas. E agora a Xustiza deu a razón a EMAFEGA”, concluíu a asociación. Os feirantes piden agora que se evite que en 2026 as festas do Cristo volvan quedar sen atraccións “por terceiro ano consecutivo”, xa que consideran que as bases deste ano “son practicamente idénticas” ás que foron impugnadas.

Neste sentido, EMAFEGA confirmou que xa solicitou ao tribunal a “suspensión cautelar inmediata” das bases de 2026, co obxectivo de evitar que o Concello volva denegar a instalación das atraccións. A asociación reclama que o goberno local tramite as solicitudes de ocupación dos espazos mediante a presentación de declaracións responsables, conforme “á normativa vixente”“EMAFEGA non pide privilexios. Esixe que o Concello cumpra a mesma lei que lles esixe cumprir aos feirantes”, concluíu a entidade.

ÚLTIMAS

O poder arredor da mesa: quen está detrás do Foro da Toxa?

Empresas, banca, enerxía, tecnoloxía e obra pública nun foro no que tamén se reúnen...

Tenta queimar a unha persoa sen fogar en Vigo por ser “estranxeira” e logo vai tomar un café

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un varón de 53 anos, de nacionalidade...

Xulgan a unha empregada do fogar que subtraeu xoias e obxectos por case 75.000 euros dunha vivenda en Vigo

A sede viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro mércores, día 23,...

A Audiencia de Pontevedra celebra a audiencia preliminar contra un home acusado de insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo

A sección viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores a audiencia...