Dous axentes da Policía Nacional salvaron a vida dunha muller que ficou inconsciente tras atragoarse nun bar de Vigo e quedar completamente sen respiración. Segundo informa ese corpo de seguridade, os feitos ocorreron na noite do pasado mércores no barrio vigués de Fátima, cando os axentes recibiron unha chamada de alerta que pedía auxilio para unha muller que se atragoara.
Dous minutos despois, unha patrulla que se atopaba pola zona presentouse no lugar e comprobou que a muller non respiraba, aínda que mantiña constantes cardíacas, polo que a colocaron en posición semisentada. Mentres un dos axentes suxeitaba a vítima por diante, o outro púxose detrás e realizou a manobra de Heimlich ata en catro ocasións, conseguindo que a muller tragase o obxecto que obstruía as súas vías respiratorias.
Daquela, comezou a mostrar resposta física e unha leve respiración, aínda que mantiña a mandíbula fortemente pechada. Por iso, un dos axentes, con formación en primeiros auxilios, introduciu a man na boca para facilitar a apertura e mellorar a ventilación. Posteriormente, os policías colocaron a muller boca arriba e comprobaron que recuperaba a respiración e parte da conciencia. Ao observar restos de vómito nas fosas nasais, introducíronlle unha cánula nasofarínxea para facilitar a respiración pola vía nasal, mantendo en todo momento a vía aérea principal aberta e controlada. Unha vez estabilizada a ventilación, retiraron a cánula.
Catro minutos despois, os servizos sanitarios chegaron ao lugar e confirmaron que a muller recuperara a respiración, polo que foi trasladada a un centro médico.
