A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo este venres en valor a iluminación do Nadal da cidade de Vigo como un dos principais atractivos turísticos da provincia durante o pasado mes de decembro, “que non só provocou un espectacular cheo na cidade viguesa”, senón que funcionou como “un tirón para toda a súa comarca e tamén para as máis próximas”.
Así, Carmela Silva deu a coñecer este venres que a provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación media en establecementos hostaleiros do 39% fronte ao 29% do ano 2017, cun incremento de dez puntos con respecto ao ano anterior.
No caso do turismo rural, a porcentaxe situouse no 15 por cento, tres puntos superior a decembro do ano pasado, mentres que as vivendas turísticas conseguiron o 60% de media.
Na comarca de Vigo o Observatorio provincial de Turismo rexistrou unha ocupación media do 68% durante todo o mes, superando en 25 puntos os resultados do ano pasado, chegando ao 74% en Fin de Ano e ao 55% en Nadal. Máis en concreto, na cidade de Vigo a ocupación media mensual foi do 87%, conseguindo en Nadal un 85% e en Noitevella un 95%.
Pola súa banda, no Baixo Miño conseguiuse o 38% de ocupación hostaleira, o que supón 12 puntos máis que no 2017, unha cifra que foi superada en Fin de Ano cun 42% e en Nadal co 40%.
Na comarca do Morrazo rexistrouse unha ocupación do 23%, tres puntos superior á do ano pasado, e por encima do 30% en Nadal. En canto á comarca de Pontevedra, superouse o 45% de ocupación, 19 puntos por encima de decembro do 2017 e conseguindo o 52% en Nadal.
No Salnés rexistrouse unha ocupación media do 48%, seis puntos máis que o ano pasado, e incrementouse ata o 52% en Fin de Ano e ata o 65% en Nadal. Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes chegouse ao 29% de ocupación, porcentaxe que foi superado en Noitevella co 66%. Con respecto ás comarcas de Condado e de Paradanta a ocupación alcanzou o 21%, e alcanzouse o 38% no día de Nadal.
Respecto ao turismo rural a ocupación media na provincia durante decembro foi do 15%, con picos do 51% durante a Noitevella e do 40% en Nadal, o que supón unha continuidade na tendencia alcista rexistrada nesta tipoloxía de turismo ao longo do 2018.
Finalmente, en canto ás vivendas turísticas, cun 60% de ocupación media, destacaron os destinos de Vigo e Pontevedra, que chegaron ao 100% de ocupación.
Para a presidenta da Deputación de Pontevedra, os resultados conseguidos poñen de manifesto que a “aposta pola desestacionalización, enmarcada no Plan Estratéxico de Turismo, segue dando os seus froitos”.