Un grupo de médicos de Atención Primaria encerrouse este luns pola tarde nas instalacións do Centro de Saúde Olimpia Valencia, na cidade de Vigo, para reclamar á Consellería de Sanidade que abra unha negociación co sindicato O’Mega co obxectivo de desbloquear a folga indefinida que afecta ao servizo desde o pasado 2 de marzo. Segundo explicaron nun comunicado, o peche é “indefinido” e os profesionais teñen previsto permanecer nas instalacións sanitarias ata que a Xunta acepte iniciar unha negociación que cualifican de “seria e respectuosa”.
Os médicos participantes nesta protesta consideran que é necesario chegar a un acordo que permita suspender a folga e mellorar as condicións de traballo na Atención Primaria. Entre as principais reivindicacións, os profesionais reclaman limitar as axendas médicas para garantir un tempo adecuado de atención a cada paciente, reducir as listas de espera e avanzar cara a unha homologación retributiva entre as distintas especialidades que traballan nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada (PAC).
Segundo subliñan, estas medidas son necesarias para “dignificar o exercicio da profesión médica en Galicia” e para garantir unha asistencia sanitaria de calidade. Os facultativos advirten ademais de que a situación actual está deteriorando a percepción da sanidade pública galega entre a cidadanía, polo que consideran imprescindible adoptar cambios que permitan mellorar o funcionamento do sistema sanitario.
