A concelleira de Seguridade do Concello de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, compareceu este martes como investigada ante o tribunal de instancia, sección de instrución, praza 3 da cidade, polo accidente mortal ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá, na atracción coñecida como Saltamontes, na que morreu un mozo. Á saída do xulgado, a edila compareceu ante os medios para asegurar que ofrece toda a súa “colaboración persoal e como representante do Concello” para “esclarecer” o ocorrido. “Contestei ou dei as oportunas aclaracións ao preguntado pola xuíza e pola Fiscalía”, afirmou.
Así mesmo, garantiu que “seguirá colaborando” neste procedemento xudicial para “esclarecer os feitos deste lamentable suceso”, aínda que eludiu entrar en detalles sobre as explicacións dadas ante a xuíza. Cuestionada sobre as dúbidas da instrutora acerca de se a Policía Local recibira ordes para precintar a atracción, dado que non contaba con autorización municipal, Patricia Rodríguez limitouse a insistir en que respondeu ás preguntas e “atendeu a todos os requirimentos desde o principio”. “O que si que solicito agora é respecto polo traballo do tribunal e do ministerio fiscal, que son os que terán que resolver como se produciu isto e chegar a esas conclusións”, sentenciou.
SEN “EXPLICACIÓNS CLARAS”
Pola súa banda, un dos avogados da acusación (que representa á que era noiva do falecido), Francisco Méndez Senlle, lamentou que a concelleira non quixo responder as súas preguntas nin ás do avogado que representa á familia da vítima. Así mesmo, criticou que Patricia Rodríguez non deu “explicacións claras” de por que o Concello non actuou (para impedir o funcionamento do Saltamontes), despois de ditar unha resolución que non permitía o inicio da actividade da atracción.
Respecto diso, explicou que tanto a concelleira como o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M. (que tamén compareceu este martes como investigado), foron cuestionados acerca de se deron ordes á Policía Local para precintar a atracción. “Non o aclararon, dixeron simplemente que se lle comunicou (a falta de autorización) á Policía Local e punto”, apuntou Méndez Senlle. Dado que as comparecencias desta xornada non serviron para aclarar “por que non se actuou”, ese avogado avanzou que solicitarán a declaración dos responsables da Policía Local.
“Preguntarémoslles por que non fixeron nada para impedir que funcionase a atracción”, apuntou. Este martes declararon como investigados Patricia Rodríguez e Antonio V.M., mentres que unha terceira persoa, tamén citada, Antonio L.A. (perito que realizou a inspección anual da atracción), non compareceu finalmente por enfermidade. Ademais destas tres persoas, no procedemento están tamén investigados o dono do Saltamontes, G.M.M.D.S., a Comisión de Festas e o seu presidente, C.G.M.
ACCIDENTE MORTAL
O accidente ocorreu na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes rompeu e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu e sufriu lesións que lle causaron a morte. Tras o sinistro, o xulgado abriu unha investigación, no marco da cal citou a declarar como investigados ao dono da atracción e ao presidente da comisión de festas. O primeiro deles compareceu ante a xuíza en abril de 2025 e acolleuse ao seu dereito a non declarar, mentres que o segundo proclamou a súa inocencia e reclamou o sobresemento con respecto a el.
Aos longo dos meses, a xuíza requiriu diversos informes e documentación. Así, preguntou ao Concello se adoptou algunha medida para prohibir a montaxe do Saltamontes, dado de que non tiña autorización municipal; ou se incoou expediente sancionador. Tamén requiriu ao Concello para que explicase se ordenou á Policía Local precintar a atracción, para que informase sobre a falta dun plan municipal de inspección de atraccións ou sobre os motivos polos que se prohibiu a instalación deste tipo de elementos nas festas do verán de 2025. Tres días despois do fatal accidente, o goberno municipal de Vigo confirmou a través dun comunicado que non se autorizou o uso do Saltamontes, porque faltaba documentación, e que así se notificou tanto ao propietario como á comisión de festas.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Tras coñecerse que Patricia Rodríguez e o xefe de Seguridade do Concello están investigados neste procedemento, os grupos da oposición, PP e BNG, reclamaron os seus cesamentos e a apertura da comisión de investigación. De feito, este mesmo martes, a concelleira e presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, afirmou que é “inaceptable” que a concelleira de Seguridade declarase como investigada “sen ser cesada” polo alcalde.
“É do todo inasumible que a señora Rodríguez siga sendo a día de hoxe a máxima responsable dun departamento que esta sendo cuestionado nos tribunais pola súa neglixente actuación neste tráxico suceso, e por tanto non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis”, proclamou Luisa Sánchez. Por iso pediu novamente que sexa apartada e advertiu a Abel Caballero de que “non pode esconderse e non dar a cara ante algo tan grave”.
