O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que a ocupación hoteleira para esta fin de semana na cidade, data na que se producirá o aceso das luces de Nadal, supera o 86 %. Nun audio difundido aos medios de comunicación, o rexedor reivindicou o “cheo total turístico” que supón esta data para a cidade, subliñando que se trata do “fenómeno turístico máis importante de Galicia que houbo nunca”.
El apostilou que o pulo do Nadal de Vigo nótase non só no resto da provincia de Pontevedra, senón tamén en Ourense e en Santiago. Ademais, volveu a aproveitar para cargar contra a Xunta e contra a Deputación, por “estar en contra” e “apoiar a aqueles grupos que queren apagar o Nadal”, segundo dixo. Entre outras cuestións, noutro audio gravado e enviado á prensa, Caballero dixo que o Bus do Nadal de Vigo arrincará o domingo 16, cunha imaxe “distinta” e iluminación. O percorrido será de 45 minutos.
