InicioOpiniónOPINIÓN.- Tecnoloxía verde ou Capitalismo disfrazado

OPINIÓN.- Tecnoloxía verde ou Capitalismo disfrazado

Óscar Lomba Álvarez é membro do Consello Cidadán Estatal de Podemos e Coordinador de Diem25 en Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

No encontro organizado polo Centro Tecnolóxico AIMEN no Porriño, máis dun centenar de representantes do sector aeronáutico europeo congregáronse para debater sobre o futuro dunha aviación máis sostíbel. Baixo un discurso do I+D+i, baseado na investigación, o desenvolvemento, a innovación tecnolóxica, a descarbonización e o liderado industrial, o evento preséntase como un escaparate do progreso tecnolóxico en favor do medio ambiente. Con todo, desde unha perspectiva crítica, urxe desmontar o relato dominante para revelar as contradicións estruturais que o atravesan. Lonxe de representar unha solución real á crise ecolóxica, esta narrativa pode encadrarse nunha lóxica de “capitalismo verde” que, en lugar de transformar o sistema, o reconfigura para perpetualo.

A sustentabilidade, no marco deste cume empresarial, exponse como unha cuestión técnica, limitada o desenvolvemento de novos materiais, sistemas de propulsión alternativos —como o hidróxeno— e procesos de fabricación máis eficientes. Esta visión reducionista evita toda reflexión de fondo sobre o modelo de mobilidade aérea global, o volume de tráfico aéreo innecesario xerado pola lóxica do lucro ou as consecuencias ambientais e sociais que implica manter unha industria dependente da expansión permanente. Actúase coma se chegase con cambiar o motor para que o vehículo do capitalismo continúe o seu traxecto. Porén, a verdadeira pregunta que deberiamos facernos é cara a onde nos está levando ese vehículo?

As 120 empresas protagonistas da xornada que se desenvolveu no Porriño —Airbus, GKN Aerospace, Collins Aerospace, entre outras moitas— non son alleas a esta estratexia de maquillaxe verde. Ao contrario, levan anos investindo no discurso da sustentabilidade para manter a súa lexitimidade pública, mentres os seus modelos de negocio seguen centrados na maximización do beneficio privado. O seu impulso por liderar “a transición ecolóxica” non nace dunha preocupación ética, senón da necesidade de adaptarse a un mercado global cada vez máis esixente en materia ambiental. Converter a sustentabilidade nun nicho de rendibilidade non é unha contradición para estas corporacións, realmente é o seu obxectivo.

Neste escenario, as pequenas e medianas empresas aparecen como actores subordinados, apenas integradas como provedores ou satélites tecnolóxicos nun sistema xerarquizado e dominado por grandes conglomerados. A cooperación industrial que se reivindica non responde a unha lóxica democrática nin redistributiva, senón á necesidade de manter a competitividade europea fronte a outras potencias globais. É unha lóxica de bloques económicos en pugna, non de alianzas sociais polo ben común. O Estado e as institucións públicas, lonxe de asumir un papel regulador ou transformador, actúan como facilitadores destas dinámicas empresariais, investindo diñeiro público en proxectos cuxo retorno social é, no mellor dos casos, dubidoso.

O discurso hexemónico da sustentabilidade evita ademais calquera cuestionamento ao dereito ao transporte aéreo como ben de consumo ilimitado. Non se discute a necesidade de reducir voos superfluos, fomentar alternativas ferroviarias ou reestruturar a economía en función das necesidades humanas e non do capital. No seu lugar, se glorifica unha modernización “verde” que permite seguir voando coa conciencia tranquila. Esta fuxida cara adiante non só é insuficiente, senón perigosa, pois converte a crise climática nunha oportunidade de negocio, desactiva a mobilización social e apraza as decisións difíciles que debemos asumir como sociedade.

A sustentabilidade real esixe máis que innovación técnica, implica unha transformación radical dos modelos de produción, consumo e mobilidade. Require planificar democraticamente que sectores deben decrecer, cales deben fortalecerse e como redistribuír o poder económico e político. Significa, en última instancia, poñer a vida no centro, non o mercado. Ningún cumio empresarial, por moi verde que pinte, pode cumprir con esta tarefa se non está acompañado por unha creba co paradigma extractivista e competitivo que domina a economía global. Mentres sigamos confiando nas solucións de quen se beneficia do problema, o futuro da aviación —e do planeta— seguirá sendo insostíbel.

ÚLTIMAS

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...

Un accidente na Ponte de Rande provoca retencións na AP-9

Un accidente na ponte de Rande provoca retencións na autoestrada AP-9 en dirección Pontevedra,...

Deteñen un home en por presunta agresión á súa nai octoxenaria

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, A.I.R., de...