InicioSucesosPiden dous anos de cárcere para un home por acoso e ameazas...

Piden dous anos de cárcere para un home por acoso e ameazas continuas a un Policía Local de Vigo

Dáse a circunstancia de que este acusado ten outras causas pendentes, tamén por ameazas e delitos similares, a este axente de Policía e a outras persoas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un home de 44 anos de idade, R.C.F., enfróntase a 2 anos de prisión por un delito continuado de ameazas e outro de acoso, tras enviar varias mensaxes ameazantes e insultos a un axente de Policía Local de Vigo, con quen tivera un altercado previo.

O home foi xulgado este xoves na sala do Penal 3 da cidade olívica, e a Fiscalía sostén que acusado e vítima coñecéronse por mor dun incidente de tráfico, no que o procesado atropelou ao axente e houbo un altercado. A partir dese momento, e tras obter o número de teléfono do funcionario, “iniciou unha continua acción de fustrigación”, enviándolle mensaxes de WhatsApp en ton ameazante, o que deu lugar a un procedemento xudicial.

Por outra banda, no que respecta aos feitos xulgados este xoves, o ministerio público expón que o acusado, na Noitevella de 2022 enviou varias mensaxes ao policía nos que o insultaba e ameazaba con expresións como “sen lesións non quedas”, “vouche dar a tunda da túa puta vida”, “teño o teu enderezo”, “ti porco quedas sen chapa polos meus santos collóns” e outros deste tenor.

En atención a estes feitos, pide que sexa condenado a 2 anos de prisión (en xa está no centro penal da Lama por outros feitos) e que, durante 5 anos, non poida achegarse nin comunicarse coa vítima, a quen debe indemnizar en 1.000 euros.

NEGA OS FEITOS

O acusado negou as ameazas, e explicou que, aínda que tiña o contacto do axente, non lle enviou ese tipo de mensaxes. De feito, a súa defensa apuntou que non se acreditou que eses textos de WhatsApp (achegados á causa polo propio denunciante) procedesen do teléfono de R.C.F., xa que non se pediu a súa comprobación, e pediu a súa libre absolución.

Na súa declaración ante a xuíza, o procesado asegurou que non tiña esa aplicación de mensaxes no seu móbil e proclamou a súa inocencia. “Tiña o seu teléfono porque lle compraba droga a uns compañeiros seus policías”, asegurou, e insistiu en que o axente denunciante “estallo inventando todo para prexudicarme”.

A acusación particular, exercida polo policía, reclama unha condena de dous anos e medio de prisión, e unha indemnización de 10.000 euros polos prexuízos causados ao funcionario, que “deu crédito” ás ameazas. Ademais, o letrado do denunciante sinalou que esgrimiu “a defensa clásica do ameazador, do abusón, negar a maior”. “Criamos que viría rehabilitado, pero é o de sempre, vai seguir ameazando e extorsionando. Onde mellor está é en prisión”, resolveu.

OUTRAS CAUSAS

Dáse a circunstancia de que este acusado ten outras causas pendentes, tamén por ameazas e delitos similares, a este axente de Policía e a outras persoas.

En concreto, este mesmo xoves foi xulgado por un delito de inxurias, por remitir numerosos correos electrónicos a varios xulgados do Penal e de instrución de Vigo, dirixíndose aos maxistrados e maxistradas con expresións como “puerco”, “atrasado mental”, “puto anano de merda”, “puta xuíza de merda”, “bébeda”, entre outros.

Por estes feitos, a Fiscalía impútalle dous delitos de inxurias graves á autoridade, e pide que se lle condene ao pago de dúas multas que suman 3.600 euros

ÚLTIMAS

Falece Gonzalo Caballero Álvarez, irmán do alcalde de Vigo e pai do exlíder do PSdeG e

Gonzalo Caballero Álvarez, pai do exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero Míguez e irmán...

Un choque de dúas lanchas remata con dous feridos en Baiona

Dúas lanchas motoras chocaron este mércores no porto deportivo de Baiona e deixaron dúas...

A Universidade de Vigo aproba o convenio para descentralizar Medicina baixo a ameaza dunha “cláusula de saída”

O consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou este martes por asentimento...

Dúas persoas feridas nun choque entre dúas lanchas motoras no porto de Baiona

Dúas persoas resultaron feridas este mércores ao chocar dúas lanchas motoras en Baiona, segundo...