O alcalde de Vigo, Abel Caballero, convocou un pleno extraordinario da corporación municipal para o vindeiro venres, día 19 de xullo, cun único punto do día, relativo a solicitar a Abanca que doe ao Concello o Teatro Cinema Fraga, a pesar de que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa anunciaron que o adquirirán por 9,3 millóns de euros.
Segundo informou o portavoz municipal do PSOE, Carlos López Font, este pleno pretende solicitar á entidade financeira a doazón do Teatro para que sexa o Concello o que articule, con acordos coa Xunta, a Deputación e a Zona Franca, o uso do mesmo.
Tamén se pedirá a cooperación do Ministerio de Cultura do Goberno de España, ao considerar “moi valiosa” a súa achega no modelo de recuperación do Cinema Fraga.
Dáse a casualidade de que a semana pasada, tras meses de negociación, Xunta e Deputación anunciaron que aprobarían nos próximos días a compra conxunta do inmoble, pechado desde 2001 e a falta de culminarse a súa rehabilitación, por 9,3 millóns de euros.
