InicioVigo e contornaVigoSen acordo na reunión do bus de Vigo e a empresa dá...

Sen acordo na reunión do bus de Vigo e a empresa dá por rotas as negociacións

Os sindicatos manteñen que a perda de poder adquisitivo do persoal supera o 16 %, tras tres anos cos salarios conxelados, e censuraron a falta de interese da empresa por negociar, dando por rotas as negociacións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A reunión celebrada este martes entre o comité de empresa e a dirección da concesionaria Vitrasa, con mediación do AGA, finalizou sen acordo, e o conflito que afecta o servizo de bus urbano de Vigo, lonxe de solucionarse, parece cada vez máis enquistado, e é que a empresa deu por rotas as negociacións.

Así, cumpridos o tres meses de folga indefinida, a última reunión non serviu para avanzar en ningún acordo, e iso a pesar de que a parte social aceptou rebaixar as súas pretensións, segundo explicaron fontes sindicais.

As mesmas fontes apuntaron que os representantes dos traballadores estiveron dispostos a aceptar un incremento salarial do 2,5 % para 2021 e 2022, “pero Vitrasa considérao inasumible”. “Hai algo escuro que se nos escapa, e non entendemos que o Concello siga evadindo a súa responsabilidade”, sinalaron, e lembraron que, coa manifestación do pasado fin de semana, “Vigo deixou claro que demanda un servizo de calidade”.

Os sindicatos manteñen que a perda de poder adquisitivo do persoal supera o 16 %, tras tres anos cos salarios conxelados, e censuraron a falta de interese da empresa por negociar, dando por rotas as negociacións. “O cal nos obriga a continuar coas mobilizacións, e á cidade, a seguir sufríndoas”, lamentaron.

Ademais, a CIG, que preside o comité, engadiu que, tras coñecerse que a Oficina Nacional de Avaliación non ten obrigación de emitir informe sobre o reequilibrio económico da concesión, debe ser o goberno municipal o que “aclare” a situación na que se atopa o trámite para pagar esa compensación á empresa.

RUPTURA DE NEGOCIACIÓNS ANTE A “CHANTAXE”

Mentres, Vitrasa proclamou “basta” e subliñou que, despois de 13 reunións cos representantes do persoal, tomou a decisión “romper as negociacións ata que o comité de empresa estea disposto a negociar e pór fin á folga, abandonando a actitude chantajista que fai que sexa imposible chegar a acordos de ningún tipo”.

A concesionaria advertiu de que non está disposta a seguir negociando “baixo permanentes presións con ataques persoais e coaccións cara a quen non queren secundar o dereito á folga”, e con “máis de 50 ataques violentos” a autobuses no último ano.

Vitrasa censurou que o comité “non someteu á asemblea de traballadores as últimas ofertas presentadas” para poder así manter o paro indefinido e a “chantaxe”.

Segundo lembrou, expuxo varias opcións, “retirando sempre as sancións” impostas a traballadores polos incidentes no servizo de noite durante o Marisquiño, aumentando a súa oferta ata o 3 % desde xaneiro de 2023 “que se consolida en 2024” e aceptando melloras sociais reclamadas polos sindicatos, ademais dun pago de 500 euros por traballador. “E todo isto para desconvocar esta folga, sen pedir nada a cambio e seguir coa negociación do convenio nun clima de normalidade”, sinalaron desde a empresa.

Finalmente, tras insistir en que as condicións dos empregados son as mellores do sector na provincia, Vitrasa reiterou que “o dano que o comité está a facer á cidadanía, aos propios compañeiros e á empresa é enorme e incomprensible”.

ÚLTIMAS

Detido un home tras acceder ao Hospital Povisa armado cun coitelo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo procederon este luns á detención dun...

O trastaravó do Papa León XIV era do Porriño

O cóengo-arquiveiro da Catedral de Tui, Avelino Bouzón, publicou unhas pescudas nas que confirma...

O BNG de Vigo propón converter a antiga estación de buses nun centro sociocultural e aparcadoiro público

O grupo municipal do BNG de Vigo presentou este luns unha proposta para transformar...

O Sergas nega o colapso das Urxencias en Vigo e asegura que a atención está garantida

O Sergas saíu ao paso das denuncias do persoal e do alcalde de Vigo...