A sección sindical da CIG no Concello de Vigo convocou un concurso fotográfico destinado aos traballadores municipais para que denuncien con imaxes as deficiencias das instalacións nas que desempeñan as súas tarefas, e estableceu tres categorías: “a maior cantidade de auga por metro cadrado”, “a eficiencia enerxética: ese misterio do futuro”, e “o meu lugar de traballo non é vello, é vintage”.
Así, facilitaron unha dirección de correción electrónico para que os funcionarios remitan as súas fotografías (pode ser forma anónima) antes do 31 de decembro, e poderán optar, en función da categoría, a tres premios: un paraugas, unha axenda ou unha mochila.
Deste xeito, ‘tirando de ironía’, a CIG pretende volver denunciar o mal estado das instalacións municipais que “sofren a falta de mantemento necesario para paliar os efectos do paso do tempo”. Na casa consistorial, sinalaron desde a sección sindical, “a cidadanía e o persoal sofren constantemente as pingueiras que hai que recoller con papeleiras e caldeiros, a humidade que esnaquiza as tarimas, e a pintura das paredes cae”.
Tamén apuntaron problemas de climatización, que fan que no verán se soporten temperaturas de máis de 30 graos, mentres que no inverno, coa calefacción encendia, as oficinas teñen que abrir as xanelas porque “a temperatura é imposible de regular”.
As deficiencias repítense noutros edificios e dotacións municipais, como pavillóns, ou no Parque Central de Lavadores. Unha situación derivada do feito de que non se prevé nos orzamentos “unha partida razoable para manter as instalacións cun mínimo de habitabilidade”. “Ata o punto de que, mentres a cidade énchese de luces LED, hai oficinas nas que non se pode repor un fluorescente por falta de material”, censurou a CIG