InicioSociedadeO xulgado anula o nomeamento dun xefe de servizo no Concello por...

O xulgado anula o nomeamento dun xefe de servizo no Concello por non estar suficientemente motivado

A maxistrada sinala que, "aínda que a Administración ten a liberdade de elixir o candidato máis idóneo para o posto convocado, iso non lle pode eximir do deber de motivación".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Vigo ditou sentenza na que anula o nomeamento, en comisión de servizo, dun funcionario municipal como Xefe do Servizo Administrativo e Control Orzamentario da concellaría de Fomento e Servizos, ao non estar suficientemente motivado.

O proceso para cubrir esa praza vacante iniciouse no principio do ano e, en abril, a concellaría de Seguridade, Contratación e Xestión Municipal acordou resolver a convocatoria nomeando a un técnico do Concello, que xa traballa na concellaría de Fomento e Servizos, e que xa desempeñara durante uns anos labores propios da posto vacante.

No trámite, emitíronse varios informes favorables, entre eles un que foi validado polo propio concelleiro de Fomento, Javier Pardo, no que conclúe que o funcionario elixido era o idóneo porque “ten un perfecto coñecemento do posto de traballo” e “experiencia” nese desempeño. Con todo, a resolución foi impugnada por un dos aspirantes, e agora o xulgado deulle a razón, nunha sentenza na que expón que “do expediente administrativo non se pode coñecer cales foron as razóns que levaron á Administración a designalo”.

Así mesmo, a maxistrada sinala que, “aínda que a Administración ten a liberdade de elixir o candidato máis idóneo para o posto convocado, iso non lle pode eximir do deber de motivación”. Por outra banda, tamén lembra a xuíza que a comisión de servizos “é un procedemento excepcional de provisión de postos de traballo e marcadamente discrecional”, pero insiste en que non exonera o Concello de motivar debidamente a súa decisión, tanto desde o punto de vista organizativo (“por que se crea o posto”) como do propio aspirante elixido (“por que se elixe a unha determinada persoa”).

Con arranxo a estas consideracións, o xulgado acordou estimar o recurso contra a decisión municipal e ordena ao Concello retrotraer o procedemento ao momento de ser examinadas as solicitudes dos aspirantes. Así, a administración local debe facer unha proposta razoada e xustificada “recollendo os méritos que concorren no funcionario seleccionado, especificando a razón ou razóns que singularizan a preferencia do designado”.

ÚLTIMAS

Centos de persoas saen á rúa en Vigo contra a crise da vivenda: “Nin unha Maricarmen máis”

Centos de persoas concentráronse este luns na Porta do Sol de Vigo, convocadas pola...

Vigo suspende por sorpresa a licitación do bus urbano, o maior contrato da súa historia

O Concello de Vigo publicou este luns na Plataforma de Contratación do Estado o...

A Xunta acorda a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Mos para a cidade deportiva do Celta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a resolución da Consellería de...

A UVigo supera o 100 % de ocupación nos graos e suma 3.883 novas matrículas

A Universidade de Vigo (UVigo) alcanzou unha taxa de ocupación do 103 % na...