O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este martes que o acto de aceso da iluminación do Nadal na cidade terá lugar a semana que comeza o 20 de novembro, moi probablemente, o xoves 23. Así o trasladou en declaracións aos medios, durante un acto de inicio simbólico da instalación da iluminación, no que sinalou que, aínda que outros anos o aceso facíase un pouco antes, nesta ocasión quere ver “o efecto comparación”.
Segundo explicou, este ano quixo que outras cidades acendan primeiro as súas luces para “que despois se compare”, aínda que advertiu de que “non hai cor” e que “a comparación con Vigo é materialmente imposible”. Respecto diso, chanceou asegurando que a cidade olívica está “na liga” de cidades como Nova York, París, Londres ou Roma e engadiu: “O ano que vén se cadra deixamos entrar a Madrid nesa liga, pero ten que facer méritos”.
Abel Caballero lembrou que “o mellor Nadal do planeta” contará con 450 rúas iluminadas, miles de motivos ornamentais e 11,5 millóns de luces led. Con respecto ao abeto luminoso, e á ‘competición’ con outras cidades por ver cal loce a árbore máis alta, o alcalde matizou que a altura anunciada do abeto vigués, de 40,5 metros, era unha estimación, pero que pode ser máis alto.
“A árbore de Vigo é de altura infinita, porque Papá Noel e os Reis Meigos fíxanse na árbore de Vigo“, proclamou, e engadiu que o abeto vigués ten “un factor de calidade”, que non teñen outros, como o xogo de luces e son. O aceso das luces da cidade farase este ano uns días máis tarde e é probable que, cando teña lugar, non estean instalados todos os motivos lumínicos en todas as rúas de Vigo. De feito, este ano o contrato adxudicouse tarde e a instalación comezou poucas semanas antes do aceso, cando outros anos se iniciaba en setembro ou mesmo en agosto.