Dous mozos residentes en Vigo de 20 e 23 anos foron detidos como autores dun presunto delito de estafa ao conseguir que unha persoa lles realizase un total de 29 transaccións a través dunha plataforma de pagos que sumaron un total de 5.500 euros.
A vítima, veciña de Cangas, levou a cabo estes pagos despois de interesarse por un anuncio colgado en Internet polos arrestados no que ofrecían un computador por 300 euros, segundo explicou a Garda Civil este luns.
O denunciante realizou un total de 29 pagos a través dunha aplicación para transferencias de diñeiro posto que o vendedor negaba a recepción do diñeiro alegando que “lle daba erro”.
As dilixencias foron postas a disposición do Xulgado de Garda de Cangas do Morrazo mentres que os detidos quedaron en liberdade tras prestar declaración en sede xudicial.
