Outro dos feridos durante o incendio rexistrado na madrugada do pasado mércores nun edificio de Vigo, no que faleceron catro persoas, subiu a planta do hospital Ribeira Posiva da cidade olívica, polo que xa son dúas as persoas que saíron da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) deste centro, mentres que outras catro persoas continúan na UCI de diferentes hospitais galegos, unha delas en estado crítico.
Así se desprende da última información da Consellería de Sanidade, que asegura que tres pacientes están ingresados na UCI de Posiva, mentres que dúas están en planta con evolución favorable. Dos feridos que están na UCI do centro vigués, dous teñen prognóstico reservado e outro está en estado crítico.
Pola súa banda, a nena de oito anos, irmá dos tres menores falecidos, que está ingresada na UCI do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, está estable dentro da gravidade.
