InicioSociedadeUn mozo vigués acepta pagar 765 euros de multa por acosar e...

Un mozo vigués acepta pagar 765 euros de multa por acosar e ameazar durante meses a unha excompañeira de academia

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xuízo sinalado para este mércores na sala do Penal 2 de Vigo contra un mozo de 21 anos de idade, acusado de hostigar, acosar e ameazar de morte a unha excompañeira de academia, saldouse cun acordo de conformidade, polo que o procesado recoñece os feitos e acepta penas de multa que suman 765 euros, ademais da prohibición de achegarse a menos de 200 metros da vítima ou comunicarse con ela por un período de dous anos, e unha indemnización de 3.000 euros.

A Fiscalía pedía inicialmente penas de prisión e multas (por un total de 4.140 euros), ademais de 5.000 euros de responsabilidade civil. Finalmente, na sesión de conformidade, o mozo recoñeceu os feitos e aceptou a rebaixa de condena, que queda en multas que suman 765 euros, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima e a indemnización, todo iso por un delito de acoso, un delito continuado de quebrantamento de medida e un delito continuado leve de ameazas.

Na imposición de condena, que xa é firme e non se pode recorrer, aplicáronse as atenuantes de reparación do dano e de anomalía psíquica, xa que o mozo ten diagnosticado un trastorno de déficit de atención, con antecedentes por trastorno obsesivo compulsivo, que minguaban lixeiramente a súa vontade no momento dos feitos.

Segundo se recolle no escrito de acusación pública, os feitos ocorreron a partir de maio de 2021. Meses antes, o acusado e a vítima coñecéronse nunha academia de estudos e el tentou iniciar unha relación afectiva con ela sen conseguilo.

A partir do momento en que a moza quixo cortar o contacto co acusado, este comezou a hostigarla chamando constantemente por teléfono tanto á vítima como ás súas amigas. Cando a moza o bloqueou no móbil e nas redes sociais, o mozo seguiu chamando mediante un número oculto, de maneira que a moza tivo que cambiar o seu número de teléfono.

Ao longo dos meses, o acusado non só seguiu acosando á moza (que se trasladou por estudos a Ourense) e á súa contorna, senón que chegou mesmo a enviar mensaxes á nai da prexudicada e ás súas amigas, con ameazas directas (“vouna a estrangular cun arame de espiño”, “voulle a partir a cara dunha hostia”, “pensei en abrirlle a cabeza cunha pedra”, “vou violar á puta da túa filla”…) para amedrentar á nova.

En total, a moza e a súa contorna recibiron neses meses centos de chamadas e mensaxes, e a vítima tivo que cambiar de número de móbil dúas veces, ademais de recibir tratamento psicolóxico.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...