InicioSociedadeTres anos e 10 meses de prisión para a enfermeira que accedeu...

Tres anos e 10 meses de prisión para a enfermeira que accedeu máis de 300 veces ao historial do seu exmozo e da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra tamén a condenou ao pago dunha multa de 4.050 euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a tres anos e dez meses de cárcere e ao pago dunha multa de 4.050 euros a unha muller que, na súa condición de enfermeira no Servizo Galego de Saúde (Sergas) na área sanitaria de Vigo, accedeu máis de 300 veces ao historial clínico da súa exparella e ao da compañeira sentimental do afectado.

En concreto, os feitos sucederon entre o 17 de xaneiro de 2016 e o 17 de outubro de 2019. Durante ese tempo, accedeu en 196 ocasións á historia clínica electrónica do seu exmozo; e, en 124, á da a súa parella. Agora, ademais da pena de prisión, os maxistrados inhabilitárona durante nove anos e impuxéronlle a prohibición de aproximarse aos prexudicados durante tres anos.

Segundo se recolle na sentenza, o tribunal, que a considerou culpable de dous delitos continuados de revelación de segredos, tivo en conta, en ambos os casos, a atenuante de reparación do dano porque consignou 12.000 euros a favor dos prexudicados en concepto de indemnización por danos morais; e, respecto do labor en relación coa súa exparella, apreciou a agravante de parentesco. Ademais, condenouna a indemnizar a cada unha das vítimas con 6.000 euros.

Por outra banda, a Audiencia absolveuna do delito de descubrimento de segredos que lle imputaba a acusación particular en relación á súa filla, xa que realizara 134 accesos “sen xustificación asistencial” á súa historia clínica electrónica. A pesar de non informar diso ao seu pai, o tribunal subliña que o fixo mentres era menor idade e a acusada exercía sobre ela a súa patria potestade e ostentaba o seu garda e custodia. Así mesmo, os xuíces consideran probado que a acusada carecía, en todas as ocasións, do consentimento “expreso ou tácito” dos denunciantes, así como de “unha xustificación asistencial”.

Así, destacan na sentenza que se guiou, “en todos e cada un dos accesos”, polo ánimo “de invadir a esfera máis persoal e íntima” dos prexudicados, así como “de tomar coñecemento de feitos ou circunstancias relativas ao seu estado de saúde, tratamentos médicos, prescricións farmacolóxicas, asistencias facultativas, probas diagnósticas e demais datos relacionados coa súa saúde, que nunca lle foron comunicados nin pola súa exparella ou a parella deste con anterioridade e sen que tivesen coñecemento algún diso”.

ÚLTIMAS

O BNG leva ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a AP-9 como “alternativa máis sustentable”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes unha proposición non de lei...

Piden 12 anos de prisión para un home por supostamente agredir sexualmente a un menor de 16 anos en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro mércores,...

A Xunta tomará “as accións necesarias” e non descarta a vía xudicial para defender o centro de asociacionismo olívico

A Xunta de Galicia emprendará "as accións necesarias" e non descarta a vía xudicial para defender...

A xuíza denega citar á concelleira de Festas polo accidente mortal de Matamá

A xuíza volveu denegar a citación da concelleira de Festas do Concello de Vigo, Patricia...