InicioSucesosO exfuncionario do 'caso enchufe' ten un prazo de cinco días para...

O exfuncionario do ‘caso enchufe’ ten un prazo de cinco días para ingresar en prisión

A Audiencia sinala que "non pode falarse dun dereito ao indulto, que haxa de dar lugar a unha espera indefinida"

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto no que desestima o recurso de súplica presentado por Francisco Javier G.O., exfuncionario do Concello de Vigo, condenado a máis de 5 anos de prisión por ‘enchufar’ nunha contrata do Concello a unha cuñada da tenente de alcalde e expresidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O tribunal provincial dá un prazo de 5 días ao condenado para que ingrese en prisión.

O recurso de súplica foi presentado despois de que a Audiencia Provincial decidise que, tras máis dun ano, o indulto solicitado por este exfuncionario debía darse por desestimado e, por tanto, non cabía manter a suspensión da execución da pena de prisión. Xa entón, en abril, a sala deu un prazo de 5 días a Francisco Javier G.O. para que entrase no cárcere, pero esa entrada quedou paralizada pola presentación desta súplica.

A defensa do condenado argumentaba entón que, a pesar de que transcorrera un ano desde que se pediu o indulto, non podía considerarse desestimada a solicitude, porque o Ministerio de Xustiza non certificara que a petición fose rexeitada.

No auto do 27 de xuño pasado, a Audiencia desestima ese último recurso, explicando que “non cabe apreciar que a resolución recorrida incorrese en defecto legal e/ou procesual algunha, nin que poida falarse dun dereito ao indulto, que haxa de dar lugar a unha espera indefinida, algo contrario a unha elemental seguridade xurídica”.

Por iso, a sección quinta acordou desestimar o recurso de súplica, e sinala que o penado ten 5 días para ingresar voluntariamente en prisión, prazo que conta desde o momento en que sexa notificado, “procedéndose en caso contrario, mediante o auxilio dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado”.

CONDENA

O exfuncionario foi condenado a 5 anos e 3 meses de prisión, ademais de 9 anos de inhabilitación polos delitos de prevaricación, malversación de caudais públicos e falsidade documental, mentres que o xerente da empresa que contratou á familiar de Carmela Silva foi condenado a 1 ano e medio de cárcere, e a 2 anos de inhabilitación.

Os feitos teñen a súa orixe na contratación desa persoa, que cobrou en total máis de 100.000 euros das arcas públicas, por uns traballos que nunca realizou (enquisas e informes para o servizo de Participación Cidadá).

Ambos solicitaron o indulto parcial e, no caso do exfuncionario, dita solicitude estivo rodeada de polémica porque, entre os argumentos que utilizou para pedir a medida de graza, ademais da súa idade, a súa falta de antecedentes ou o abono da responsabilidade civil, tamén apuntou a súa militancia no PSOE e a súa pertenza a UGT.

A polémica incrementouse ao facerse público que varias decenas de entidades veciñais, sociais e culturais de Vigo, que reciben subvencións por parte do Concello, remitiron cartas de adhesión a esa petición de indulto, todas coa mesma redacción. O PP insinuou nese momento que as asociacións estiveron presionadas pola contorna do goberno municipal para remitir eses escritos e apoiar o indulto do exfuncionario.

ÚLTIMAS

O temporal complica o tráfico aéreo en Vigo: voos desviados, cancelacións e avións que tiveron que regresar a orixe

O temporal que afecta estes días a Galicia tamén obrigou a cancelar e a...

O BNG de Vigo esixe un “cambio radical” no bus urbano ante a perda de 1,3 millóns de viaxeiros

O BNG de Vigo esixiu un "cambio radical" no modelo de transporte urbano da...

Retroceder as praias ou recuar a Administración

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non...

Un estafador reincidente enfróntase a seis anos de cárcere por falsos alugueres en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrou este...