CIG denuncia “represión sindical” e “acoso” aos seus delegados en Nova Pescanova

O sindicato denuncia que "no mellor dos casos comunican as decisións, pero non se debaten nin se discuten".

O secretario comarcal de FGAMT-CIG en Vigo, Suso García, xunto a delegados sindicais en Nova Pescanova.. CIG

O sindicato CIG denunciou este xoves a “represión sindical” e o “acoso” que sofren os seus delegados en Nova Pescanova e criticou que a empresa é “especialmente belixerante” con esta central, difundindo entre o persoal a idea de que a CIG “rebenta” os procesos de negociación, provoca “mal clima” e mesmo sancionando “inxustamente” aos seus afiliados.

Así o trasladou en rolda de prensa o secretario comarcal da FGMAT, Suso García, que explicou que, “desde que chegou o novo equipo de recursos humanos”, a empresa modificou a súa política de relación cos sindicatos, seguindo a máxima de “puño de ferro en luva de seda”.

Segundo a CIG, a empresa non tolera que se discutan as súas decisións, e impón medidas que, legalmente, deben ser consultadas coa representación dos traballadores. “No mellor dos casos comunican as decisións, pero non se debaten nin se discuten”, afirmou.

Como exemplo puxo a negociación do convenio e a decisión de Nova Pescanova de manter as reunións no seu centro de Chapela “coa escusa do Covid”. Isto provocou, incidiu Suso García, que os traballadores da planta de Arteixo aínda non se reuniron para a renovación do convenio, por negarse a desprazarse.

Tamén criticaron que Nova Pescanova propuxese unha conxelación salarial para este ano e o que vén e, ao preguntarlle se estaba disposta a negociar esa medida, “a súa resposta foi colocar follas informativas acusando á CIG de rebentar as reunións e de non querer negociar”.

A central nacionalista engadiu outros exemplos, como o feito de que o centro do Porriño aínda non teña pechado o seu calendario laboral, a “imposición” de EPIs que cobren a cara ás operarias na planta de Chapela sen deixarlles “escoller o modelo”, ou a “imposición” dun plan de igualdade que o sindicato non asinou e que o Ministerio de Traballo “tombou”.

Finalmente, referíronse a un suposto caso de acoso laboral e sexual no Porriño, aos apercibimentos a traballadores “que supostamente alongaban a súa hora do café” ou á sanción de 15 días sen emprego nin soldo a unha exdelegada da CIG “por ir dous días ao médico, aducindo que non cumprira o protocolo de saída”, cando a empregada asegura que comunicara as saídas aos seus superiores.