InicioSociedadeAs contas de Povisa: 7,5 millóns de beneficios entre 2009 e 2016

As contas de Povisa: 7,5 millóns de beneficios entre 2009 e 2016

PUBLICADO O

As contas de Povisa son públicas entre 2009 e 2016, á falta de coñecer os datos de 2017, que aínda non están dispoñibles para os sindicatos. Destes 8 anos, só en 3 se rexistraron perdas: 2010, 2015 e 2016. En 2010 estas eran de case 2 millóns de euros segundo a propia empresa, en 2015 e 2016 alcanzaban algo máis de 3 millóns de euros.

Pero os beneficios foron tamén millonarios en 5 deses exercicios, os de 2009, 2011, 2012, 2013 e 2014. En 2013, de feito, os beneficios superaron os 11,345 millóns de euros despois de impostos. Só os beneficios deste ano compensan sobradamente as perdas dos “anos malos”.

En 2009 as ganancias ascenderon a 1,039 millóns, en 2011 foron de 1,024 millóns, 2,432 en 2012 e despois 0,8 en 2014, todo isto sempre despois de impostos.

Ante estos datos, o comité de empresa de Povisa sostivo este venres que o hospital non ten unha situación financeira “tan alarmante que xustifique entrar en preconcurso de acredores”.

 

A portavoz do comité de empresa indicou que na reunión preguntaron pola continuidade dos seus empregos e o cobro de nóminas, e o que lles dixeron é que “o Sergas vai garantir que todos os traballadores cobren as súas nóminas cada mes”. No entanto, comentou que o problema é que se a situación non se arranxa entrarase nun concurso de acredores que suporía “reestruturar” o hospital.

Engadiu Ruth Vallejo (de SGPS) que os traballadores levan oito anos nunha situación “en precario”, con reducións de xornada e “conxelación” dos seus salarios, porque neste tempo non puideron negociar as súas condicións, primeiro “porque non había convenio” e “agora porque segundo a empresa, (Povisa está) a piques da bancarrota”.

“Estamos a pagar a ineptitude de alguén por non sentar a negociar como Deus manda ese convenio”, remachou Neira, que incidiu en que a “maior preocupación” do comité é saber “que vai pasar cos traballadores”. Neste sentido, Teresa Iglesias, de USO, subliñou que o que queren é “a mellora do convenio e recuperar o perdido”.

Neste contexto, o portavoz de CC.OO. Xurxo Cabral mostrouse convencido de que o Sergas e a dirección do hospital chegarán a un acordo porque “a sanidade de Vigo non pode prescindir de Povisa”. No entanto, tamén insistiu en que é importante que nese acordo “revísense os soldos e garántanse os postos de traballo”.

 

Doutra banda, Neira comentou que o Sergas e Povisa están a negociar a posibilidade de ampliar o prazo para que os usuarios poidan elixir cambiar o seu hospital de referencia en calquera momento. Relacionado con isto, Vallejo comentou que teñen “medo de que os usuarios (adscritos a Povisa) poidan cambiarse pola inestabilidade” xerada con este conflito.

Con todas estas circunstancias, os traballadores informaron de que solicitaron reunirse cos alcaldes das localidades que teñen usuarios afectados e coa Consellería de Sanidade, e ademais pedirán intervir nos plenos municipais. Tras a reunión deste venres, o próximo encontro do comité coa dirección será o luns 15.

Finalmente, Neira incidiu en que os traballadores están “fartos de toda esta historia” e de traballar “con precariedade e inseguridade”, polo que están “dispostos a facer o que sexa necesario para que se aseguren os postos de traballo e manter a calidade asistencial”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...