InicioSociedadeO BNG esixe á Xunta que rectifique o plan de transporte de...

O BNG esixe á Xunta que rectifique o plan de transporte de Vigo e acusa o PP de “reincidir nun modelo sen futuro”

Os nacionalistas reclaman máis frecuencias, reforzos nas liñas con maior demanda e mellores conexións co Val Miñor, Mos, a Universidade, o Álvaro Cunqueiro, Peinador e a estación intermodal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG de Vigo esixiulle á Xunta que “rectifique” o plan de transporte para a comarca, ao considerar que insiste nun “modelo fracasado” que “non vai resolver os problemas do servizo actual”. Os nacionalistas presentaron alegacións ao proxecto para reclamar a elaboración dun novo plan que, segundo defenden, permita corrixir a falta de frecuencias, prazas e conexións entre Vigo e os concellos do Val Miñor e Mos.

O responsable comarcal do BNG, Manuel Caride, advertiu de que o Goberno galego mantén, ao seu xuízo, as mesmas carencias que provocaron a rescisión do contrato actual. Caride referiuse concretamente á “masificación dos autobuses, con persoas obrigadas a ir de pé ou que quedan tiradas nas paradas”. “O PP non aprendeu do fracaso anterior e reincide nun modelo sen futuro, en vez de elaborar un novo proxecto que atenda as demandas veciñais”, sinalou.

UN 25 % MÁIS DE FRECUENCIAS

Fronte á proposta da Xunta, o BNG reclama incrementar polo menos nun 25 % o número de frecuencias e introducir mecanismos de reforzo para atender os picos puntuais de demanda e aquelas liñas cunha maior intensidade de uso. Os nacionalistas tamén piden realizar un estudo de variantes dos principais percorridos en función da demanda existente, de maneira que as liñas dean servizo ás parroquias afastadas das vías principais. Así mesmo, reclaman garantir conexións directas entre concellos e desde estes cara a Vigo co obxectivo de reducir os tempos das viaxes.

MELLORES CONEXIÓNS COA UNIVERSIDADE, O HOSPITAL E PEINADOR

Entre as alegacións presentadas figura tamén a mellora das conexións coa Universidade de Vigo e cos centros educativos do Meixoeiro, adaptando os horarios ás horas de entrada e saída das clases. O BNG reclama igualmente reforzar as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro, así como coa estación intermodal de Vigo, o aeroporto de Peinador e a estación marítima.

UN ENTE PÚBLICO PARA COORDINAR A MOBILIDADE

Os nacionalistas lamentan ademais que o autobús urbano de Vigo non estea integrado no transporte metropolitano, unha situación que atribúen ás disputas políticas entre PP e PSOE. Segundo o BNG, o actual modelo de transporte metropolitano é “falso”, polo que reclama a creación dun ente xestor público que planifique e coordine a mobilidade no conxunto da comarca. O Bloque pide tamén revisar o sistema de tarifas para ampliar as bonificacións e facilitar o acceso ao transporte ás persoas vulnerables e con rendas baixas. Entre as súas reivindicacións inclúe, finalmente, a necesidade de garantir as condicións laborais do persoal que presta o servizo.

ÚLTIMAS

‘Eterno 10’: así se chama a escultura de Iago Aspas que se instalará xunto ao estadio de Balaídos

Hai futbolistas que transcenden os resultados dun partido, os títulos e as estatísticas para...

A Seguridade Social responsabiliza Stellantis por unha doenza profesional en Vigo e impón un recargo do 30 % nas prestacións

A saúde laboral volve situarse no centro do debate sobre as condicións de traballo...

Caballero di agora que “pide que o Goberno de España pague” parte das obras necesarias para ser sede do Mundial

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo este mércores que el "pide que o...

“Non permitiremos un réxime do medo”, sindicatos e movementos sociais condenan o ataque á sede de UGT de Vigo

Sindicatos, movementos sociais e partidos políticos de esquerda volveron condenar este mércores o ataque...