O Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo celebrou este xoves a vista por unha demanda de desafiuzamento dunha familia numerosa, a pesar de que os inquilinos continúan pagando o aluguer.
Segundo puido saber Europa Press, o contrato de arrendamento vencería o pasado mes de outubro, polo que a propietaria demandou aos seus inquilinos despois de que non abandonasen o piso, que pretende baleirar para a súa posterior venda.
A familia busca que o xulgado prorrogue a expulsión debido a ter fillos menores ao seu cargo e quedarían en risco de exclusión social, polo que desde a defensa informaron que solicitarán aos servizos sociais municipais que elaboren un informe sobre a situación económica na que está a familia para así demostrar que cumpren cos requisitos de vulnerabilidade para acollerse á moratoria de execución de desafiuzamentos.
Pola súa banda, fontes municipais indicaron que polo momento non se ten constancia de que esta petición fose solicitada.