InicioPolíticaA oposición a Abel Caballero apoia a folga dos traballadores do mantemento...

A oposición a Abel Caballero apoia a folga dos traballadores do mantemento de zonas verdes

PP, Marea e BNG esixen ao goberno local que faga cumprir á empresa os pregos do servizo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os partidos da oposición no Concello de Vigo (PP, Marea de Vigo e BNG) trasladaron este mércores o seu apoio aos traballadores da concesionaria do mantemento de zonas verdes, tras o anuncio de folga indefinida a partir da próxima semana, e instaron ao goberno local a facer cumprir á empresa os pregos do servizo.

O portavoz do grupo ‘popular’, Alfonso Marnotes, lembrou que “hai anos” que as zonas verdes da cidade están “abandonadas” e que a situación “non é culpa dos traballadores”. “Ao contrario, cada vez son menos, e non pode ser que se lles deban cantidades, que non se cumpra o prego”, denunciou o edil do PP.

Marnotes lamentou que o goberno local “non sabe manter” as zonas da cidade que refoma e, tras os traballos e as inauguracións, “abandónaas” e déixaas “sen mantemento”. De feito, incidiu, hai uns anos chegou a haber 130 empregados na concesionaria de parques e xardíns, e agora apenas superan os 100, a pesar de que a superficie que teñen que atender incrementouse.

“E o responsable sempre é o mesmo, Abel Caballero”, proclamou, á vez que criticou a falta de xestión do concelleiro desa área, Anxo Rivas, que “nin está nin se lle espera”.

Pola súa banda, o grupo municipal Marea de Vigo criticou que a empresa concesionaria “usa a escusa do COVID” para incumprir o convenio colectivo e o prego de condicións da adxudicación, que contempla un mínimo de 109 traballadores fixos (mentres que o comité denuncia que se están facendo contratos parciais ou por horas).

Respecto diso, Rubén Pérez advertiu de que o alcalde non pode permitir a unha empresa concesionaria actuar así, “sen control público”, e instou o goberno local a “auditar e controlar” as condicións laborais do persoal das concesionarias, “xa que o Concello é responsable do cumprimento da lexislación laboral” e de que “non se destrúan os dereitos laborais adquiridos”.

Mentres, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, fíxose eco das denuncias do comité, e criticou que a UTE concesionaria non só non cumpre o cociente de traballadores fixos, senón que debe ao persoal dous meses do plus de tóxicos e incumpriu as condicións do pago de liquidacións tras o cambio de concesionaria.

Segundo lembrou, o Concello adxudicou hai uns meses este servizo por máis de 33 millóns de euros, por un período de 5 anos, e non se pode permitir que a empresa, que presta un servizo municipal, “vulnere dereitos laborais”. “Xa basta da barra libre que impuxo Caballero para as concesionarias, estes traballadores están nun servizo que se paga con diñeiro público e o goberno local non pode mirar para outro lado”, incidiu.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...