InicioCulturaAs curtas gañadoras de Cans inician en Caminha o seu periplo internacional,...

As curtas gañadoras de Cans inician en Caminha o seu periplo internacional, recordando a Ernesto Chao

"Matria", "El Reloj" e "Europa" proxectaranse no Teatro Valadares de Caminha.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As curtametraxes gañadoras da XV edición do Festival de Cans proxectaranse este xoves 9 de agosto na localidade portuguesa de Caminha. A sesión terá lugar no marco da VII edición do ciclo “Cinema+Perto”, organizado polo prestixioso cineclube Locus Amoenus da localidade caminhense.

As proxecións desenvolveranse no fermoso Teatro Valadares, a partir das 21:30 horas da noite (horario portugués, 22:30 horas, hora galega), e a entrada será gratuita ata completar o aforo.

Nesta proxección, organizada polo cine clube Locus Amoenus en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, proxectaranse varias curtametraxes que, ademais de gañar en Cans, están a ter un gran percorrido internacional.

Matria, a cinta máis premiada na historia do festival

Unha delas será “Matria” de Álvaro Gago, que fixo historia gañando o prestixioso Festival de Sundance, e que marcou tamén un fito histórico na última edición do Festival de Cans, ao acadar catro premios, algo que ningunha outra curta acadara desde que nacera o festival.

“Matria” levou en Cans o Premio do xurado, o premio do Público, o Premio das Veciñas e Veciños de Cans e o Premio á mellor interpretación feminina, co extraordinario traballo da súa protagonista Francisca Iglesias, que cativou a público e xurado.

Alén de “Matria”, en Caminha tamén se poderá ver “Europa” do cineasta redondelano Hugo Amoedo, que este ano inaugurou o palmarés na nova categoría de non-ficción chamada “Furacáns”, levando o premio do xurado, e a curta “El Reloj” de Borja Santomé, que levou o premio do xurado na categoría de animación, co seu singular traballo.

Como introdución ás curtas, proxectarase o documental “Catorce Cans”, dirixido por Isaura Docampo, que reflicte ó espírito da penúltima edición do Festival de Cans. A duración total da sesión será duns 75 minutos, e tamén haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, que estará presente en Caminha, xa que coincide que todos os directores premiados se atopan neste momento traballando en diversos países fóra de España.

Esta é a primeira das diversas proxeccións que o Festival de Cans fará este ano, para darlle visibilidade ás curtametraxes premiadas no Festival. Ademais desta sesión en Caminha, estanse preparando proxeccións en cidades como Lisboa, París, Madrid e diversas localidades galegas.

ÚLTIMAS

Juan Barbazán triunfa no Festival de Cans cos tres premios de “María Rita”

'María Rita', de Juan Barbazán, confirmou como a gran gañadora na entrega de premios...

Primeiro día de folga do lixo en Vigo tras o desencontro entre sindicatos e empresa

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do...

Feridas catro persoas tras bater o seu vehículo contra varios estacionados en Vigo

Catro persoas resultaron feridas en Vigo tras bater o seu vehículo contra varios estacionados....

Os traballadores do lixo de Vigo van á folga indefinida desde este domingo tras fracasar a negociación

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do...