InicioEconomíaO fondo Platinum compra a pesqueira viguesa de conxelados Iberconsa

O fondo Platinum compra a pesqueira viguesa de conxelados Iberconsa

A operación pecharase no segundo trimestre deste ano e Alberto Freire continuará como conselleiro delegado da empresa con sede na cidade olívica

PUBLICADO O

- Advertisement -

O fondo de capital risco americano Platinum Equity fíxose cunha participación maioritaria do Grupo Ibérica de Conxelados SA (Iberconsa), con sede en Vigo, que estaban en mans do fondo Portobello Capital. Así o informou Platinum este xoves a través dun comunicado na súa web, no que apunta que “se espera que a transacción se peche no segundo trimestre de 2019″.

Iberconsa é un provedor mundial de produtos do mar conxelados e un dos líderes en España. Os produtos da compañía, que inclúen pescada, lagostino e lura, véndense en máis de 60 países. Ten unha frota propia de 45 embarcacións, que opera principalmente en Arxentina, Namibia e Sudáfrica. Ademais, conta con cinco plantas de procesamento e catro instalacións de distribución de cámaras frigoríficas.

Alberto Freire continuará como conselleiro delegado de Iberconsa tras a transferencia de propiedade. “Cremos no futuro da nosa empresa e confiamos en que Platinum Equity é o socio adecuado para axudarnos a alcanzar a próxima etapa de crecemento e expansión“, asegura.

Pola súa banda, vendedores e membros do equipo directivo de Iberconsa serán investidores minoritarios. Os termos financeiros da operación non foron revelados e fontes de Iberconsa consultadas por Europa Press limitáronse a trasladar que esta venda “é unha boa noticia”.

VALORACIÓNS DE PLATINUM E PORTOBELLO

O socio de Platinum Louis Samson destaca que “Iberconsa estableceuse como un líder nos mercados aos que actualmente presta servizo”, de forma que “a compañía creceu substancialmente nos últimos anos e pode beneficiarse da experiencia operativa de Platinum para axudar a maximizar os beneficios da súa escala maior”. Ademais, ten a intención de facer crecer máis o negocio “a través de novas adquisicións”.

O fondo de investimento Platinum foi fundado en 1995 polo multimillonario e membro da lista Forbes Tom Gores, actual dono da franquía da NBA dos Detroit Pistons. No comunicado, o fondo investidor enmarca esta compra no seu crecente impulso ás adquisicións en Europa o último ano.

Pola súa banda, Juan Luís Ramírez, socio fundador de Portobello Capital, dixo estar “orgulloso” de “todo o que Iberconsa logrou” durante o tempo que foron accionistas maioritarios da compañía, con expansión da frota e crecemento no mercado.

ÚLTIMAS

Ferido tras romper un parrulo o parabrisas do seu coche en Vigo

Un condutor resultou ferido tras impactar unha ave contra o parabrisas do seu vehículo,...

Un helicóptero rescata un escalador ferido grave tras caer uns 12 metros no monte do Galiñeiro

Un escalador resultou ferido de gravidade este domingo tras sufrir unha caída duns 12...

Vigo confirma a súa candidatura para ser sede do Mundial de Fútbol de 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este sábado que a cidade foi ratificada...

Reabre un carril da AP-9 en Mos tras o envorco dun camión con 32.000 litros de gasóleo

O carril esquerdo da AP-9 á altura do punto quilométrico 164, no termo municipal...