O Celta escapa do descenso nun espellismo

Os celestes deixan escapar dous puntos ante o Osasuna tras deixarse empatar nos últimos minutos. Deixan os postos de descenso pola derrota do Mallorca, pero empatados a puntos cos baleares.

Santi Mina / LaLiga.

O Celta abandonou os postos de descenso, pero non por méritos propios, senón pola derrota do Mallorca ente o Granada, que empatado a puntos cos de Vigo, pasa a ocupar o terceiro posto pola cola polo gol average.

Os celestes volveron repetir ante o Osasuna os males de toda esta tempada e a anterior: indolencia, inocencia, xogo previsible e estático, moitos balóns largos, falta de presión e profundidade, imprecisións, ineficacia no ataque e enormes lagoas en defensa. Así, volveu deixar escapar máis puntos nun Balaídos que a cada xornada presenta un aspecto máis triste, con cada vez máis bancadas libres.

As primeiras ocasións chegaron mediada a primeira parte. Todas foron celestes. Un mal despexe do porteiro Sergio Herrera coa cabeza recolleuno Pione Sisto para buscar o gol cun afastado tiro desde uns trinta metros, un lanzamento desviado; pouco despois, na acción máis perigosa do seu equipo, Aidoo cabeceou un córner ao traveseiro.

O Celta animouse co paso dos minutos. Tivo a pelota. Quixo movela, aínda que lle custou superar a orde defensiva do Osasuna, falto de ideas. Logrouno, con media hora de partido, cando se asociaron Rafinha e Aspas, unha rápida parede que finalizou cun disparo seco do dianteiro moañés ao que respondeu con reflexos Sergio Herrera. Insistiu o equipo galego cun tiro afastado de Santi Mina.

O Osasuna sobreviviu nun duelo moi trabado. Encerrouse no seu campo, tapando ben calquera espazo libre, á espera de montar algunha transición veloz. Non se achegou sobre a portería de Rubén Blanco, agás nunha chegada que culminou cun lanzamento cruzado Roberto Torres, unha grande oportunidade anulada por un fóra de xogo inexistente.

O Celta, que tivo máis a pelota, non concretou o seu dominio. Fáltalle pegada dentro da área e dinamismo no xogo. Desde fóra tentouno nos últimos minutos Sisto, un disparo que rexeitou Sergio Herrera cunha boa estirada, e Rafinha, cun chute moi desviado.

A última gran ocasión dese período foi do conxunto navarro. Foi un agasallo da defensa do Celta: un arriscado pase cara atrás do central Aidoo, un mal despexe do porteiro Rubén Blanco e finalmente, desde uns trinta metros coa portería baleira, un tiro ao poste de Ruben García. Esa ocasión silenciou Balaídos.

Foi un partido malo e aburrido de ambos os dous equipos, cheo de imprecisións e perdas de pelota, co balón sen saber onde ía. Os ataques dos dous equipos estiveron lonxe das áreas. Con todo, preto do minuto vinte do segundo tempo, o gol rozouno o Osasuna cun perigoso cabezazo de Chimy Ávila, que rematou só ante os defensas un centro de Rubén García desde a banda esquerda.

O Celta quixo elaborar o seu fútbol con máis pases. Triangularon Rafinha, Beltrán e Aspas; o dianteiro lanzou pero Sergio Herrera despexou a pelota. Un pouco máis tarde Aspas volveu tentar cun frouxo cabezazo.

Faltou profundidade nos ataques. Ata que chegou o gol no minuto 75. Coa defensa visitante moi adiantada, o central Aidoo viu un desmarque de Santi Mina, meteulle ao espazo libre un pase raso desde campo propio e o dianteiro chegou ao balón antes que o porteiro Sergio Herrera, un fino toque de Santi Mina suficiente para regatear ao meta e quedar só ante a portería. Un pequeno desaxuste en defensa castigou ao equipo navarro.

O Celta non matou o partido, a pesar dunha perigosa aproximación de Juan Hernández e un lanzamento de Rafinha. O Osasuna estirouse. Necesitou pouco para empatar. Só un gran centro desde a esquerda de Estupiñán que rematou a gol Chimy Ávila, un fabuloso cabezazo tras gañarlle a posición a David Costas, un tanto que provocou os asubíos finais de Balaídos cara ao seu equipo

O arxentino rescatou un punto para os de Pamplona fronte ao Celta, que por segundo partido consecutivo deixou escapar dous puntos no seu estadio nos últimos minutos. Seguen pintando bastos en Balaídos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here