Campaña para que Centro da Arte fotográfica siga sendo de Vigo e evitar o seu “total abandono”

Unha campaña en Change.org busca a implicación do Concello de Vigo na finalización das obras do Centro, construído con fondos europeos.

Centro Galego De Fotografia © Miguel Nuñez

A decisión de ceder o Centro da Arte Fotográfica de Vigo á Deputación de Pontevedra provocou que aparecese na web Gange.org unha recollida de sinaturas co obxectivo de frear este posible traspaso.

A campaña lembra que esta edificación foi construída con fondos europeos para que, no seu día, fose o Centro Galego da Fotografía. Agora denuncian a “deriva e total abandono” desta construción. Os responsables da iniciativa da web de sinaturas, indican como exemplo o cambio de nome do edificio, de Casa Galega da Fotografía a Centro da Arte Fotográfica de Vigo.

Ademais disto, sinalan que “nunca se fixo público un proxecto que o definira”. Nese sentido lembran que só se mencionara que dentro estaría o Arquivo Pacheco e “a colección fotográfica que xeraron a Fotobienal de Vigo e a Sala dos Peiraos”. A última colección está almacenada nas instalacións do MARCO, “sen ningún tipo de uso”.

Centro Galego de Fotografia © Miguel Nuñez

As instalacións tiveron uso efémero cinco anos despois de comezada a construción das mesmas e co interior sen rematar. “Durante a campaña das eleccións municipais de 2015” usouse a planta baixa para “unha mostra do arquivo Pacheco, sen o máis mínimo rigor”. Desde a plataforma electrónica denuncian tamén que, logo da mostra, pechouse o edificio sen ter feito ningún tipo de acondicionamento no seu interior. “A día de hoxe a fachada amosa o deterioro que o edificio esta a sufrir tras anos de abandono”.

A petición para que non se realice o traspaso do Centro á Deputación de Pontevedra vai acompañada dunha serie de peticións. A primeira delas é a de promover e difundir a “valiosa Colección de Fotografía que posúe o Concello de Vigo”, onde se representan os fotógrafos galegos e de ámbito internacional.

Por outra parte, piden a continuidade do traballo realizado desde hai trinta anos para situar Vigo como referente da fotografía internacional. Estas accións trouxeron “a inmersión de artistas internacionais na cultura galega” que co seu traballo promoveron a “visibilidade da nosa cultura en xeral e da cidade de Vigo en particular”.

Centro Galego de Fotografia © Miguel Nuñez

A promoción e investigación que visibilicen a fotografía histórica galega, entre outros a do Arquivo Pacheco. Dito arquivo “concentra un século da historia da cidade de Vigo e non merece a situación de deixadez na que se atopa”. E por último, potenciar a producción fotográfica galega “promovendo o seu estudo, exposición e divulgación”.

A petición conclúe dicindo que o Centro de Fotografía “non debe de conformarse con almacenar a colección”, pois consideran que debe de ser un centro vivo para dinamizar a actividade fotográfica galega e que “a sitúe no mapa do mundo”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here