InicioMedio Ambiente e PatrimonioAdenco acusa ao Concello de Ponteareas de non reparar o Castro da...

Adenco acusa ao Concello de Ponteareas de non reparar o Castro da Croa tras destruílo parcialmente

"Todo continúa igual e o Concello non cumpriu o que a Xunta esixía", denuncian desde o grupo ecoloxista.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Grupo Ecoloxista Adenco acompañou o pasado mércores a Marcos Cal, parlamentario galego de En Marea, e a Celtia Traviesas, asistente da europarlamentaria de Podemos Estefanía Torres, durante a súa visita a diferentes puntos do río Tea, onde nos últimos tempos se realizaron unha serie de obras con sucesivos paseos fluviais que alteraron o ecosistema e prexudicaron aos hábitats, ademais de coñecer tamén a problemática da denominada depuradora de Ponteareas.

Na primeira parte da visita, varios membros do grupo ecoloxista acompañaron aos políticos á depuradora de Ponteareas, onde se comprobou o verquido continuo de augas residuais por un dos aliviadeiros, sen ningún tipo de filtro, dando conta das últimas accións levadas a cabo polo colectivo nos últimos anos.

Nas próximas semanas, a través de diferentes mecanismos e accións, a cuestión chegará ao Parlamento galego e, de novo, a Europa, onde os ecoloxistas teñen intención de lograr unha solución xa, aínda que sexa provisional, ao tempo que se estuda e traballa nunha solución estrutural ao problema.

“Esta mesma semana, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil comunicáballe a ADENCO o inicio de novos expedientes sancionadores ao vulnerar o Concello de Ponteareas as condicións estipuladas na autorización de verquido, polo que non queda máis que esperar novas sancións, que veñen a confirmar a ineptitude e falta de previsión do goberno á hora de buscar solucións efectivas e urxentes a un problema grave que non pode esperar máis”, denuncian desde Adenco.

Tamén se acompañou á delegación parlamentaria ao Castro da Croa, un xacemento arqueolóxico catalogado e que foi parcialmente destruído coa construción da senda do Tea. O proxecto provocou o derrumbe dun dos parapetos defensivos da estrutura, que linda coa beira do Tea.

Esta acción supuso un expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia e rematou coa sanción de 6000€ ao Concello de Ponteareas e a obriga de restituír o espazo á súa situación anterior.

“Como se puido observar, a día de hoxe todo continúa igual e o Concello non cumpriu o que a Xunta esixía, cuestión que agora se trasladará ao Parlamento Galego, pois non parece aceptable que a Administración obvie e ignore as resolucións que son de obrigado cumprimento, do mesmo xeito que a cidadanía debe cumprir coas súas sancións”, conclúen.

ÚLTIMAS

Ferido tras romper un parrulo o parabrisas do seu coche en Vigo

Un condutor resultou ferido tras impactar unha ave contra o parabrisas do seu vehículo,...

Un helicóptero rescata un escalador ferido grave tras caer uns 12 metros no monte do Galiñeiro

Un escalador resultou ferido de gravidade este domingo tras sufrir unha caída duns 12...

Vigo confirma a súa candidatura para ser sede do Mundial de Fútbol de 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este sábado que a cidade foi ratificada...

Reabre un carril da AP-9 en Mos tras o envorco dun camión con 32.000 litros de gasóleo

O carril esquerdo da AP-9 á altura do punto quilométrico 164, no termo municipal...