Cales son as zonas de costa máis vulnerables no contexto de cambio global? Esta é a pregunta que tentaron resolver investigadores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os resultados obtidos mostraron que tan só unha pequena parte do litoral, un 0,02%, presenta unha vulnerabilidade máxima, mentres que o 4,52% da fachada costeira presenta valores de alta ou moi alta vulnerabilidade.
En xeral, a vulnerabilidade é baixa, pero un 4,52% da costa galega mostra alta ou moi alta vulnerabilidade, especialmente espazos dun elevado valor ambiental como a praia de Rodas nas Cíes, considerada a mellor do mundo por The Guardian.
Para determinar o grao de vulnerabilidade das distintas zonas do litoral galego aos temporais ou os posibles cambios ambientais”, os científicos analizaron as variables físicas que afectan os primeiros 100 metros da fachada marítima: pendente, altitude, orientación, tipo de costa, litoloxía, cambio no nivel do mar, altura media de onda e distancia á liña batimétrica dos 20 metros.
O uso de ferramentas SIG (Sistemas de Información Xeográfica) permitiu xerar un índice de vulnerabilidade costeira con valores entre 1 e 5, de menor a maior vulnerabilidade.
Os resultados mostran que só o 4,52% da fachada costeira galega presenta valores de alta ou moi alta vulnerabilidade (4-5), asociada principalmente aos areais, mentres que un 57,96% do litoral, maioritariamente costa rochosa, presenta uns valores de baixa vulnerabilidade (1-2).
As zonas de maior vulnerabilidade, con valores de 4 ou 5, están asociadas principalmente a areais e desembocaduras dos ríos. Os investigadores mencionan como zona de alta vulnerabilidade, por exemplo, os sistemas praia-duna de Rodas nas Illas Cíes ou o de Corrubedo, “áreas das cales é coñecida a súa enorme fraxilidade”, aportan. Tamén A Lanzada sería outro caso paradigmático de zona vulnerable.
O valor de vulnerabilidade máis común no litoral galego é o 2 (baixa vulnerabilidade), que se estende por case o 58% do territorio, mentres que nun segundo lugar se atopan as zonas de moderada vulnerabilidade (3), cun 20,48% do litoral.
A costa de Galicia ten máis de 2.100 quilómetros de lonxitude que “se caracteriza polo encadeamento de sectores de costa rochosa e areosa” e, como se salienta neste estudo, “atópase nun contexto de alta enerxía, sometida ao paso de borrascas e temporais mariños”.
Por iso, argúen os científicos da USC, “no contexto do cambio global no que nos atopamos é fundamental coñecer as dinámicas que interactúan nela para identificar os sectores máis vulnerables no presente e previr posibles consecuencias negativas no futuro”.
Os investigadores xeraron así un índice de vulnerabilidade relativa para a costa galega atendendo ás súas características físicas e ás dinámicas mariñas que interactúan nela. A partir dos resultados, que se plasman nunha cartografía que se elaborou a escala 1:90.000, para permitir ver todo o conxunto da costa, e que se amplían en zonas de detalle a unha maior escala para facilitar a interpretación, puideron determinar cales son as áreas que presentan unha maior vulnerabilidade e, por tanto, ás que se lle debería prestar unha maior atención á hora da planificación e xestión.
CARTOGRAFÍA
Para viusualizar os datos, os investigdores crearon diferentes mapas que reflexan o grao de vulnerabilidade dos distintos sectores da costa galega, nomeados polas localizacións que os delimitan.
Os resultados mostran que a costa norte de Galicia, no seu extremo oriental, caracterízase por unha vulnerabilidade baixa ou moderada fóra das zonas sedimentarias que presentan uns valores máis elevados, como é o caso das proximidades da praia da Catedrais, en Ribadeo, ou a de Esteiro, na contorna de Ortigueira.
Entre Ortigueira e Doniños, a costa galega presente unha vulnerabilidade moderada que pasa a ser alta ou moi alta nos amplos sectores sedimentarios. A modo de exemplo os autores sinalan a existente en tramos como os de Cedeira ou as praias de Medote e Casal.
O extremo noroccidental da costa galega caracterízase por uns valores de vulnerabilidade baixos, que só aumentan nalgunhas praias sedimentarias como Doniños no norte ou a praia grande de Miño.
Na área que comprende Punta das Olas-Malpica, Costa de Razo, Malpica-Ponteceso; Praia de Cadoleiro, Ponteceso-Cabo Vilán, Praia de Traba, Cabo Vilán-Muxía e Praia de Barreira obsérvase como o índice de vulnerabilidade mostra en gran parte do territorio taxas moderadas, que dan paso en numerosos sectores onde dominan as altas ou moi altas, como son os casos das praias de Cadoleiro ou de Traba.