InicioSociedadeAcusan ao SERGAS de trasladar doentes contaxiosos con outros enfermos na mesma...

Acusan ao SERGAS de trasladar doentes contaxiosos con outros enfermos na mesma ambulancia

PUBLICADO O

Dende o sector de Transportes da FGAMT-CIG aseguran que o Sergas está a incumprir de xeito consciente o decreto de transporte sanitario, “ao permitir que doentes infectocontaxiosos sexan trasladados en ambulancias colectivas conxuntamente con outros enfermos. Dende a central lembran que xa lle advertiran ás distintas EOXI dos riscos que esta práctica pode supoñer para os condutores, as súas familias e a poboación en xeral”.

Dende a CIG lembran que “remitimos escritos e mesmo mantivemos xuntanzas coas distintas EOXI para abordar as condicións nas que se leva a cabo o manexo de pacientes con enfermidades infectocontaxiosas”.

De feito, sosteñen que nas propias EOXI lles confirmaron que o Sergas autorizaba o traslado destes doentes en ambulancias colectivas xunto con outros enfermos, algo totalmente prohibido segundo a normativa (RD 836/2012), tal e como sinala o comité de empresa.

“O problema é que o Sergas non inclúe o persoal de ambulancias no protocolo de seguridade que si lles aplica os traballadores dos hospitais, así que nos atopamos con que os traballadores do transporte sanitario poñen en risco a súa saúde, a das súas familias e a da poboación en xeral ao estar en contacto con doentes infectocontaxiosos”, explica o responsábel do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.

“tampouco está a viaxar ningúen cos enfermos na parte de atrás da ambulancia”

E isto é así porque “o Sergas non os considera persoal sanitario xa que non traballan directamente para o servizo público, polo que se rompe a cadea de protección que hai que aplicar con este tipo de doentes, orixinándose un problema de saúde pública ademais de laboral”.

Como exemplo cita o que sucede na área de Vigo, “onde temos constancia de tres casos de pacientes con doenzas deste tipo que son levados a diálise aos que se lles aplica o protocolo de illamento no hospital, pero que tanto no transporte de ida como no de volta comparten vehículo con outros enfermos”.

Aínda que estes non son os únicos incumprimentos do decreto de transporte sanitario. Segundo denuncia Pastoriza, os doentes con osíxeno, con soro, ou en padiola terían que viaxar tamén sós na ambulancia e non con outros pacientes tal e como se está a facer.

“Como tampouco está a viaxar ninguén cos enfermos na parte de atrás da ambulancia para poder atendelos no caso de que lles suceda algo durante o traxecto, como pasou recentemente na Coruña”, conclúen.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...