InicioPolíticaO PPdeG esixe ao PSdeG "responsabilidades" polo "grave caso de corrupción" no...

O PPdeG esixe ao PSdeG “responsabilidades” polo “grave caso de corrupción” no Concello de Vigo

Faino tras ratificar o Supremo a condena a un alto funcionario que promoveu o 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva.

PUBLICADO O

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cualificou como “o maior caso de corrupción de Galicia nos últimos anos” a condena ratificada polo Tribunal Supremo a un alto funcionario do Concello de Vigo, Francisco Javier G.O., por promover a adxudicación irregular de varios contratos menores a unha concesionaria municipal, coa finalidade de pagarlle un salario a unha cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

En rolda de prensa, Tellado preguntouse “se ninguén vai asumir responsabilidades” no PSdeG por iso. “O alcalde de Vigo, que de cando en cando permanece calado non ten nada que dicir”, expuxo aludindo tamén a Carmela Silva e ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

“Podemos entender que a antiga dirección presidida polo sobriño do alcalde de Vigo non depurase responsabilidades”, sinalou en referencia a Gonzalo Caballero. No entanto, cuestionouse se a nova dirección do PSdeG “vai deixar pasar este caso de corrupción que implica a dous dos seus principais cargos públicos na comunidade”.

“Non parece a mellor forma de empezar o mandato á fronte do PSdeG”, dixo en referencia a Valentín González Formoso. Ademais, asegurou que “en calquera partido democrático” cunha condena en firme “deberíanse esixir responsabilidades políticas”. “Pero non ocorre nada se sucede no PSdeG”, criticou.

“Desde o concello de Vigo orquestrouse esta trama”, expuxo tamén, asegurando que a familiar de Carmela Silva cobraba “un soldo superior ao do presidente do Goberno”. “É un grave caso de corrupción e nepotismo no PSdeG-PSOE”, sentenciou sobre uns feitos que vinculou con que a persoa fora “familiar da presidenta da Deputación de Pontevedra”.

O traballo mellor remunerado de España é ser familiar de Carmela Silva e amigo de Abel Caballero, así o acredita esta sentenza”, afirmou tamén Tellado. Así mesmo, considerou que non se trata dun “caso illado”, dixo aludindo á “posible venda de prazas” para policía local e bombeiro. “Un asunto que pinta moi mal”, apostilou.

A OPOSICIÓN AO COMPLETO PIDE “EXPLICACIÓNS”

Os grupos municipais da oposición no Concello de Vigo reclamaron ao goberno local de Abel Caballero “explicacións” e a “asunción de responsabilidades políticas”, despois que o Tribunal Supremo ratificase a condena a un alto funcionario por promover o ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha subcontrata municipal, cobrando un salario por uns servizos que non prestou.

Nin a propia Carmela Silva nin o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que suspendeu a súa rolda de prensa deste venres por problemas de voz, pronunciáronse acerca da resolución xudicial.

A concelleira do grupo municipal do PP, Teresa Egerique, afirmou que, cando un funcionario está condenado polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade, “é que detrás hai unha mano coautora política”.

Egerique lembrou que ese funcionario “ten que ir a prisión” por unha condena “moi grave”, polo que a presidenta da Deputación e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva “deberá dar explicacións ante os vigueses”.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou que a sentenza sobre ese ‘enchufe’ é consecuencia das prácticas levadas a cabo polo goberno local e que Marea de Vigo denunciou (e gañou) ante os tribunais.

Segundo incidiu, moitas das xefaturas de servizo de concellarías que teñen nas súas mans contratacións, establecíanse por designación directa dos concelleiros, o que quere dicir que a toma de decisións deses funcionarios estaba “condicionada” por cargos políticos.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, esixiu “asunción de responsabilidades políticas” e, “como mínimo” algunha “explicación” do goberno municipal, porque os vigueses “teñen dereito a saber que pasou para que un alto funcionario puidese acometer esas prácticas corruptas”, pagando un salario a unha persoa ligada familiarmente cun membro do goberno mediante contratos menores “por non prestar nin un minuto de servizo”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...