InicioSociedadeVigo volve liderar e con moita diferenza o investimento das principais cidades...

Vigo volve liderar e con moita diferenza o investimento das principais cidades galegas nas luces de Nadal

A urbe olívica volverá adiantarse ao resto co aceso, previsto para o 20 de novembro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As principais cidades de Galicia ultiman os preparativos para dar o pistoletazo de saída á campaña do Nadal co aceso das súas iluminacións, nos que investirán máis de 2,4 millóns de euros, coa cidade de Vigo á cabeza.

Así, a cidade olívica, como vén sendo habitual nos últimos anos, non repara en gastos á hora de iluminar as súas rúas e, neste Nadal superará a súa propia marca, segundo proclamou o alcalde, Abel Caballero, coa instalación de “11 millóns de luces led”, que empezarán a brillar o 20 de novembro.

O Concello de Vigo adxudicou en 2018 o contrato da iluminación do Nadal á empresa cordobesa Ximénez Iluminación por case 2,5 millóns de euros para tres anos. En maio de 2021, a Xunta de Goberno local aprobou unha prórroga deste contrato, cun gasto de 929.000 euros adicionais.

Ante as críticas polo elevado gasto público nesta instalación e noutros ornamentos e actividades vinculadas ao Nadal, Abel Caballero sempre defendeu a rendibilidade dese “investimento”. E é que, ao seu xuízo, Vigo xa se converteu en “a capital mundial do Nadal” e, de feito, o aceso das luces na cidade marcan, segundo o rexedor, o inicio destas festas “en todo o planeta”.

RETORNO ECONÓMICO

O primeiro edil olívico asegurou, a principios de 2019, que o retorno económico da campaña do Nadal fora de máis de 20 millóns de euros e, segundo os datos solicitados a partir do seguimento dos teléfonos móbiles, uns 4 millóns de persoas pasaran pola Porta do Sol, ‘zona cero’ da iluminación do Nadal.

Á marxe destes datos, é indiscutible que a iluminación do Nadal de Vigo puxo á cidade olívica no mapa dos destinos turísticos no inverno, e a propia empresa encargada da iluminación recolle na súa páxina web que o Nadal de Vigo converteuse nun dos seus “traballos máis relevantes e coñecidos”.

Así, ademais do abeto xigante ou os arcos de luz en viarias e prazas, as rúas de Vigo ofrecen aos visitantes a posibilidade de entrar nunha caixa de agasallo luminosa, nun boneco de neve xigante ou dentro dunha gran bóla de luces led.

OUTRAS CIDADES

Os gastos do resto de grandes cidades galegas nin sequera se achegan ás cifras de Vigo, e as urbes que máis se aproximan, aínda quedándose a moita distancia, son as da Coruña e Ourense.

Na capital herculina o Concello adxudicou o pasado ano (tamén a Ximénez) un contrato trianual por 1,4 millóns de euros para iluminación do Nadal, o que supón un gasto de algo menos de 470.000 euros anuais. A cidade de Ourense aprobou este 2021 a prórroga do contrato da iluminación, cun custo de case 325.000 euros e a data prevista de aceso é o próximo 3 de decembro.

En Santiago de Compostela, onde o aceso se prevé para o 2 de decembro, a adxudicación da iluminación do Nadal fíxose por dous anos e por un prezo de algo menos de medio millón de euros; mentres que en Lugo licitouse por un prezo máximo de 146.000 euros.

A cidade de Pontevedra adxudicou a iluminación por case 132.000 euros, mentres que Ferrol adxudicou un contrato de dous anos por valor de 151.000 euros.

Con respecto ao custo deste despregamento lumínico, a maior parte de cidades, entre elas Vigo, precisaron que as luces de Nadal non encarecerán os recibos da luz dos concellos, posto que estes teñen contratos pechados coas compañías subministradoras que establecen prezos anuais fixos.

ATRACCIÓNS COMPLEMENTARIAS

Pero á marxe da iluminación, a campaña do Nadal nas cidades vai máis aló, con actividades e instalacións complementarias. Nese ámbito, de novo Vigo encabeza o ‘ranking’ tanto en número de atraccións como en gasto, para volver converterse, sobre todo o centro da cidade, nun gran parque temático de Nadal ao aire libre.

Nas festas de 2020-21 a cidade tivo que renunciar a algún dos seus reclamos máis coñecidos, a nora xigante e ás atraccións de feira e o mercadillo, debido á pandemia de Covid, pero este ano o Concello prevé non só recuperar esas actividades, senón aumentalas, coa instalación dunha gran rampla de neve ou novas zonas de xogos para os máis pequenos, todo iso na área de Praza de Compostela, Concepción Areal e rúa Pontevedra.

Aínda que estas instalacións non custan nada ao Concello, si haberá desembolso das arcas municipais para outros elementos do Nadal, como o Belén monumental (112.000 euros) ou a megafonía para ambientar as rúas con panxoliñas (case 130.000 euros dun contrato para tres anos).

Outras cidades contarán con actividades complementarias, como os campamentos municipais da Coruña, que tamén terá actividades de animación na rúa e dinamización comercial.

CABALGATAS DE REIS MEIGOS

No ámbito das celebracións do Nadal por parte das cidades, outro dos ‘fitos’ é, sen dúbida, a Cabalgata dos Reis Meigos, aínda que os grandes concellos aínda se atopan en proceso de contratación das carrozas, a organización das recepcións, visitas a hospitais, etc.

A cidade de Vigo ten pendente a adxudicación das carrozas municipais (ambientadas na literatura de Julio Verne) e a produción técnica do desfile, cuxos prezos de licitación suman uns 150.000 euros.

Pola súa banda, A Coruña tamén licitou o deseño e organización da súa Cabalgata, a través do Instituto Municipal de Coruña Espectáculos, por un importe duns 168.000 euros; e o goberno local tamén aprobou un gasto duns 10.000 euros para as cartas que a alcaldesa, Inés Rey, remitirá aos nenos coruñeses con motivo da visita dos Reis Magos.

En Ferrol, a organización do desfile está igualmente en proceso de licitación, por un prezo de 64.500 euros máis impostos; e o resto de cidades tamén ultiman os preparativos para este evento, entre elas Santiago de Compostela, cuxo alcalde anunciara que non se celebraría o desfile este ano debido á pandemia, aínda que reconsiderou dita decisión.

“EXPERIENCIAS” EN LUGAR DE LUCES

Pero non todos os municipios galegos recorren á tradicional iluminación para engalanar as súas rúas. Hai xa algúns anos que o concello ourensán de Allariz converteuse en referente como exemplo dunha forma “distinta” de celebrar o Nadal.

Nesta localidade de pouco máis de 6.000 habitantes, o obxectivo non é cegar, senón “crear experiencias, sensacións, ambientes”, segundo explicou a Europa Press a súa alcaldesa, a nacionalista Cristina Cid.

A idea xurdiu cando se expuxo a conveniencia de reutilizar estruturas e materiais do Festival de Xardíns, e así empezaron a ‘crecer’ pequenos poboados en miniatura polo centro histórico do pobo, fadas nas árbores, iglús e paisaxes nevadas, ou unha casa para albergar ao ‘Apalpador’, un personaxe da tradición do Nadal galega que palpa as tripas dos nenos e lévalles agasallos.

Para construír eses ambientes, os traballadores municipais non só aproveitan estruturas ou materiais do Festival de Xardíns, senón que recorren a outros elementos da contorna natural de Allariz, como madeira, troncos, brión ou ramas, e créanse grupos de traballo que van intervindo nas distintas fases dos preparativos.

Toda esta tarefa realízase sen recorrer a contratación, xa que corre a cargo dos propios efectivos municipais, desde o deseño á montaxe. Iso si, chanceou Cristina Cid, acéptanse voluntarios para coser vestidos ás fadas e traxes aos trasgos.

ÚLTIMAS

O impacto do exfuracán Kirk: ventos de case 150km, tellados e árbores caídas e inundacións

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

Air Europa cancela os seus voos entre Vigo e Madrid pola borrasca

09/10/2024    10:40H A conpañía aérea anunciou na súa páxina web que quedan cancelados os voos...

O acusado de abusar de dúas menores nega os feitos e as psicólogas ven crible o relato das nenas

Un home acusado de dous delitos continuados de abuso sexual sobre menores de 16...

Amigas das Árbores de Vigo denuncia o mal trato ao arboredo polos servizos municipais

A Asociación Amigas dás Árbores de Vigo advertiu sobre a situación "alarmante" que se...