InicioSociedadeAcusan de "estafa" á Xunta por incumprir a promesa de crear unha...

Acusan de “estafa” á Xunta por incumprir a promesa de crear unha unidade para a saúde mental infantil no CHUVI

PUBLICADO O

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) acusa á Xunta de Galicia de ter prometido a creación dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para a Infancia e Adolescencia na zona Sur de Galicia “cun obxectivo propagandístico”, para despois deixar de lado o proxecto.

No ano 2012 inaugurouse unha Unidade de Hospitalización en saúde mental para a infancia e adolescencia no Hospital Clínico de Santiago. Pois denuncian que esta inauguración realizábase “coa metade das prazas previstas e co equipo asistencial incompleto. Aí segue, aínda igual de deficitaria a como se abriu”.

Ao ano seguinte, os gobernantes comprometíanse na creación da segunda Unidade de Hospitalización para a Área Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra). Pero o MGSM alega que “se utilizou o proxecto publicitariamente para a mellor rendibilidade política do Partido Popular e, despois, deixouse de lado”.

En maio de 2016 o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciaba a carencia desta Unidade no CHUVI (Complexo Hospitalario e Universitario de Vigo) e tamén que se estaban a vulnerar os dereitos da infancia ao ingresar menores nas Unidades de Hospitalización de Adultos, restrinxíndoselle a mobilidade ao seu cuarto, “para que así non entraran en espazos de adultos e poder dese xeito o Hospital sortear a vulneración directa da lei (que ordena o ingreso dos menores de idade en espazos específicos)”.

En xullo de 2016, en información pública, os xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría continuaban a reclamar unha unidade específica e sinalaban necesidades de dotación de psicoloxía clínica e enfermería.

Hospital clínico de Santiago/ Páxinas Galegas

Ao día seguinte o actual xerente do CHUVI recoñecía que os menores da súa área eran derivados para ingreso á Unidade de Hospitalización do Hospital Clínico de Santiago (afirmaba que a cantidade era “pequena”, en referencia a dez menores), que nas Unidades de Adultos ingresaran quince adolescentes e que o obxectivo de crear a Unidade de Hospitalización non era prioritario.

Pechaba así este tema e deixaba atrás as promesas das dúas Conselleiras, os obxectivos incumpridos da Estratexia SERGAS 2014 e a súa propia responsabilidade no seu incumprimento.

O MGSM denunciou inmediatamente o abandono do proxecto de crear a Unidade sinalando que “non é aceptable ningunha solución que non sexa a de creación dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para a Infancia e Adolescencia da zona Sur de Galicia con recursos específicos de nova creación (proxecto e programas terapéuticos definidos, espazos, materiais e dotacións profesionais)”.

Ata que, hai uns días, o Conselleiro de Sanidade e o xefe de servizo de psiquiatría confirmaban o que se estaba a anunciar en xullo de hai dous anos: non se creará unha unidade específica, non se dotará con novos recursos, e reordenaranse espazos habilitando un corredor.

“Desprézanse así tódalas recomendacións neste eido da atención sanitaria, incluídos os propios plans da Consellería de Sanidade. Pero, por se fora pouca a estafa que se lle vai facer á poboación das provincias de Pontevedra e Ourense, o Conselleiro despáchase afirmando que “con la unidad de Vigo tendremos ya ordenada la psiquiatría en este ámbito”, denuncian dende o MGSM.

“Di iso cando en Galicia, e sirvan só como algúns exemplos da nosa situación, non existe un só hospital de Día en Saúde Mental Infantil e da Adolescencia (recoñecida a súa necesidade na Estratexia SERGAS 2014) mentres en Cataluña teñen 31 prazas por cada 100.000 habitantes; ou cando estamos nun 40% por debaixo da media de dotación do Estado Español en psiquiatras e psicólogos clínicos para a atención a esta poboación; ou cando en prazas de hospitalización temos menos da metade das que teñen Euskadi, Cataluña ou Castela-A Mancha”, subliñan.

Cerebro/ Fotografarte, Photopin

Destacan ademais que “non se debe ignorar que a información feita pública sobre este tema, noutro mes de xullo máis, é unha manipulación propagandística da Consellería de Sanidade para intentar aparentar realizacións pola Xunta cando en realidade nisto non se fixo nada bo en anos, e xusto depois de que se veña de coñecer o informe do Mecanismo de Prevención da Tortura-Defensor del Pueblo sobre a gravidade do que ocorre no Hospital Psiquiátrico de Conxo”.

“É inmoral utilizar así as necesidades das persoas e facer manipulación informativa cos seus dereitos, mentres se agochan as propias responsabilidades incumpridas”, selan.

MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública. A súa Declaración Fundacional está asinada por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia.

ÚLTIMAS

Tres atracadores levaron uns 300.000 euros a punta de pistola do Caixabank de Gran Vía

A Policía Nacional revisa imaxes gravadas polas cámaras e toma declaracións a testemuñas e empregados para atopar...

A remodelación do Museo Massó de Bueu rematará en 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres o Museo Massó...

O grupo municipal do PP denuncia que o Concello só dea “3 días” aos grupos para analizar a PXOM tras a súa tramitación “opaca”

O PP de Vigo reprochou este xoves que o Concello olívico só dea "tres días hábiles" aos grupos...

Traballadores de Vitrasa saen de novo á rúa para solicitar que a empresa e o goberno local acheguen unha solución

Decenas de traballadores de Vitrasa, concesionaria municipal do transporte urbano da cidade de Vigo,...