InicioSociedadeAs temperaturas máximas en Vigo poderían aumentar até case 6 ºC a...

As temperaturas máximas en Vigo poderían aumentar até case 6 ºC a finais deste século por mor do cambio climático

Tamén aumentarán as vagas de calor e os días de temperaturas extremas, segundo datos dun traballo científico.

PUBLICADO O

De 5 a 7 graos máis nas temperaturas máximas a finais do século XXI e máis días de calor extrema. Ese é o prognóstico que se fai para as principais cidades galegas no peor dos escenarios do cambio climático.

Os datos aparecen nun traballo asinado por investigadores do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab da Universidade de Vigo e do Grupo de Física Non Lineal da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar as variacións futuras na temperatura máxima nas sete principais cidades galegas: Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.

“Atopamos unha maior oscilación nos valores de tendencia e de desviación estándar en comparación co período histórico. O valor mínimo da tendencia futura da temperatura máxima é de 0,4 ºC/década na Coruña e o valor máximo é de 0,69 ºC/década en Santiago, polo que se pode apreciar unha diferenza relativamente significativa de case 0,3 ºC/década entre ambas cidades”, salientan os investigadores.

Tan só a cidade da Coruña queda claramente por debaixo do valor de 0,5 ºC/década, mentres que Ferrol, está xustamente no límite, con 0,49.

Ourense, cun incremento por década de 0,68 graos, sería a segunda urbe máis afectada, seguida por Pontevedra (0,62), Lugo (0,6) e Vigo (0,57).

“A temperatura máxima mantense nunha ascensión dos seus valores para as 7 principais cidades de maneira constante durante todo o intervalo temporal”, introducen os científicos, que engaden: “Vese que para finais de século está previsto que as medias anuais das temperaturas máximas exceda os 30 grados en Ourense, e os 28 grados en Vigo e Pontevedra, quedándose Santiago tamén preto dese valor. Na cidade da Coruña espéranse as máximas máis baixas para finais de século, con valores próximos ós 23 grados”.

A evolución interanual e a tendencia no número de eventos extremos futuros mostra que tamén aumentarán os días de calor extrema, con valores que oscilan entre 2,57 máis días/década en Ferrol e 4,14 en Ourense. En Pontevedra serán 3,72, en Vigo 3,58, na Coruña 3,28, en Lugo 2,9 e en Santiago 2,89.

MÁIS VAGAS DE CALOR

Os valores de tendencia do número de vagas de calor son semellantes para todas elas, coa excepción de Ferrol, que mostra un valor algo menor, cun aumento de 0,38 vagas/década.

Vigo e Ourense (0,53 ambas as dúas), son as urbes con maior posibilidade de sufrir vagas de calor ao longo do século, canda Pontevedra (0,52). Séguenas A Coruña (0,44), e Santiago e Lugo (0,41).

REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...