Vigo acolleu este venres o equipo do programa ‘La Ventana’, conducido por Carles Francino na Cadena Ser.
Unha visita emitida en directo para toda España na que falaron con cidadáns, co alcalde Abel Caballero, e, de paso, falar ao resto do Estado do maior atractivo da cidade nestes días, as famosas luces do Nadal, que se converteron nun reclamo turístico máis da cidade.
Tamén se falou do proxecto ‘Vigo, cidade de cor’, unha iniciativa de artistas urbanos que pintan murais por toda a cidade, e foi entrevistado Manuel Sanjurjo, o bisnieto de Antonio Sanjurjo Badía, creador dun dos poucos submarinos do século XIX que se conservan en España, e quen tivo relación con Julio Verne cando o escritor veu a Vigo. Antonio Sanjurjo reparou a caldeira do iate de Julio Verne, e foi así como se coñeceron.
E houbo tempo para a solidariedade das condutoras de autobuses da cidade que puxeron en marcha un calendario benéfico para axudar a ‘Bicos de Papel’, unha asociación que axuda aos nenos con cancro e as súas familias.
